Na medianoite deste domingo 16, cando os ceos sobre Pontevedra atopábanse ateigados de nubes que deixaban precipitacións intermitentes, os fogos de artificio iluminaron a cidade para despedir a Semana Grande das Festas da Peregrina 2020.
Nesta ocasión, o lanzamento das sonoras bombas de palenque realizábase desde a avenida de Montero Ríos baixo estritas medidas de seguridade, coa presenza de patrullas da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Pontevedra.
O escaso público que se achegou para ver esta tradicional cita de fin de festa buscaba acubillo da chuvia nos arredores do edificio da Deputación de Pontevedra. A tirada durou aproximadamente oito minutos.
Este ano durante toda a semana das Festas da Peregrina, debido á situación excepcional derivada da crise sanitaria pola pandemia, o goberno local decidía realizar lanzamentos "sorpresa" a diario en distintos puntos da cidade.