Cada día ás oito da tarde a cidadanía homenaxea cun aplauso o traballo sacrificado do persoal sanitario durante esta pandemia do coronavirus. Tamén nas casas do rural.
Mentres que nas cidades os veciños parecen descubrirse estes días, no pobo as relacións son moi estreitas, todo o mundo saúdase porque se coñece polo nome e xa existían antes do confinamento pequenas redes de solidariedade.
A dispersión poboacional e a soidade son dúas características que diferencian estes aplausos dos que soan nas urbes.
Durante estes días son moitos os que se acordan de que nas aldeas internet non vai tan rápido pero compensa o feito de ter leiras, xa non só polas vistas ou por dispoñer dunha horta que é unha despensa de produtos de tempada, senón para saír de casa sen perigo.