VIDEO.- "Orellas, filloas, careta e anteface, que viva Pontevedra e o seu Entroido!"

Pontevedra
05 de febreiro 2016

"Hoy para mí es un día especial, somos los pregoneros, vamos a contar cosas del Carnaval, no cobramos dinero". Toda unha carta de presentación dun dos integrantes do grupo Vamos a todo!, un dos clásicos do Entroido pontevedrés elixido polo Concello de Pontevedra para dar o pregón de benvida  a estas festas na súa edición 2016

Pregón do Entroido 2016 a cargo de Vamos a todo! / PontevedraViva

"Hoy para mí es un día especial, somos los pregoneros, vamos a contar cosas del Carnaval, no cobramos dinero". Toda unha carta de presentación dun dos integrantes do grupo Vamos a todo!, un dos clásicos do Entroido pontevedrés elixido polo Concello de Pontevedra para dar o pregón de benvida a estas festas na súa edición 2016. Cumprindo o anunciado, durante 50 minutos fixeron un repaso pola historia do Entroido en Pontevedra e pola propia historia do grupo coa tinguidura de retranca e crítica social que sempre os caracterizou. 

Vamos a todo! participa cada ano en todas as actividades do Entroido agás o concurso de Murgas, pero tamén para esa iniciativa tiveron un recordo, lembrando os 12 anos que estiveron presentes. O enterro do loro Ravachol; as parodias e o seu percorrido histórico pola praza de Barcelos ou o 'Sambódromo; todas as comparsas que cada ano invaden as rúas de Pontevedra e o tradicional desfile, que este ano se tivo que aprazar unha semana -ata o sábado día 13 de febreiro- por mor do mal tempo. Todos os fitos do Entroido pontevedrés tiveron o seu oco nun pregón cargado de humor. 

Para Vamos a todo! o de Pontevedra é "o mellor Entroido urbano de Galicia, un dos mellores de España, de Europa e do mundo" e así o defendeu o imitador/paradoiador do cantante Rafael que serviu de fío condutor do pregón. Non se esqueceu do multipremiado modelo urbano de Pontevedra e referiuse con sorna ás viaxes do alcalde Lores para recoller recoñecementos por todo o mundo e ás obras de peonalización e a proliferación dos estacionamentos de servizos e carga e descarga: "Como os que mandan teñen praza fixa no parking da Alameda, toma!", bromearon. 

Tivo tamén un oco no pregón a noticia coa que comezou este ano 2016 de que o Goberno renova a prórroga á empresa Ence para que permaneza 60 anos máis nos terreos de Lourizán, pero todo con moita ironía. Chegou a asegurar que se ao Concello o deixasen "dejaría la autovía de Marín con dos carriles, uno de ida y otro de vuelta, para dejar los otros para que se pueda disfrutar de las vistas de Ence otros 60 años".

A agresión dun menor de 16 anos ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, no mes de decembro mentres daba un paseo electoral tamén cobrou protagonismo, recordando que un dos integrantes do grupo, o xornalista de Diario de PontevedraSanti Mosteiro, foi "a única persoa do mundo capaz de ter unha cámara que grabou o momento xusto no que Rajoy foi agredido en Pontevedra".

"Probablemente non somos os mellores pregoeiros, pero podo prometervos que somos os mellores defensores do mellor Carnaval do mundo, que é o de aquí, o de Pontevedra", defenderon os integrantes de Vamos a todo! e deixaron o listón moi alto para quen asuma o reto de dar a benvida ao Entroido 2017, pois mesmo lle puxeron ritmo a esta edición cunha canción que berra, entre outros lemas, "orejas, filloas, careta y antifaz, ¡Que viva Pontevedra y su Carnaval!" -en español-.

Cinco comparsas de Pontevedra, Poio e Marín servíronlle de teloneiros na praza da Verdura entre unha multitude de espectadores e o rei Urco e a policía de garda do Entroido pontevedrés colleron a testemuña para dar por inaugurado o Entroido 2016 ao berro de "Comede, bebede, enchédevos". 

Arquivado en