"Que limpen o nome dos nosos fillos para que poidan ir á rúa coa cabeza alta", claman as veciñas de Monte Porreiro María Antonia Portela e Raquel Diaz. En setembro de 2016 unha menor da parroquia de Marcón denunciou que os seus fillos de 16, 20 e 22 anos a violaran e ameazaran a través da rede social Instagram. Tras meses de investigacións da Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional, os forenses do Imelga e tres xulgados de Pontevedra, as causas quedaron arquivadas e os mozos, exculpados. Agora, elas queren que se saiba toda a verdade, que as súas familias viviron un auténtico "calvario" por unha denuncia en falso.
O Xulgado de Menores número 1 de Pontevedra investigou a suposta agresión sexual perpetrada polo menor dos mozos, fillo de Raquel. Os xulgados de Instrución número 1 e número 2 da capital as denuncias que afectan aos dous fillos de María Antonia, unha por agresión sexual a unha menor de 16 anos e varias por violación de morada e ameazas. En varias resolucións ás que tivo acceso PontevedraViva, os xuíces decretaron o sobresemento provisional das causas utilizando argumentos coincidentes, que "non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito".
Para arquivar as causas os xuíces baseáronse en informes forenses, policiais e da Fiscalía. No caso da denuncia máis grave, por agresión sexual, mesmo consta un exame forense realizado á menor supostamente violada que acredita que nunca mantivo relacións sexuais. "Acusáronos de violación e agora demostrouse que non houbo tal violación. A nena é virxe", manteñen estas nais, cargadas de "rabia e impotencia".
No caso das ameazas, a suposta vítima recoñeceu á Policía Nacional que ela mesma creou unha conta de Instagram co nome e a foto dun dos mozos investigados desde a que se enviou a si mesma mensaxes como: "Voute matar, vouche afundir os ollos, voute volver violar". Ademais, púidose demostrar que ela mesma "matou os seus animais" tras asegurar que o fillo maior de María Antonia entrara na súa casa de noite encapuchado e realizara actuacións como aforcarlle ao can ou matarlle á gata.
Unha vez demostrado que era mentira que os tres mozos violasen, ameazasen e entrasen na casa da menor causando graves danos ás súas mascotas, as súas nais queren sacar á luz o dano sufrido tanto polos mozos como polos seus achegados e "que isto sirva para que non llo faga a máis familias", pois os dous mozos maiores de idade chegaron a estar detidos por estes feitos e os tres sufriron consecuencias tanto a nivel psicolóxico como social.
Ademais, piden á nai da menor, que saíu en varios medios de comunicación denunciando os feitos, "que me diga por que fixo todo isto", pois consideran que ela é tan responsable como a súa filla das denuncias falsas. Aos irmáns fillos de María Antonia interpúxolles máis dunha decena de denuncias e "todo foi mentira".
"Deixaron para comer, empezaron a mexar na cama, polas rúas foron perseguidos, un veciño de 40 anos pegoulle unha malleira na estrada, houbo partes de lesións, na zona do miradoiro puxéronlle pintada de violadores fóra, o meu fillo perdeu á súa noiva.... Aos meus fillos esnaquizoulle a vida", relata María Antonia, que tamén ela mesma tivo problemas de insomnio e tivo que cambiarse de piso con toda a súa familia cando o caseiro descubriu que detiveran aos seus fillos por violación.
O pasado mes de marzo todas as denuncias quedaran arquivadas, pero seguen sufrindo as consecuencias. "O outro día o meu fillo veu chorándome: mamá aínda seguen chamándome violador", sosteñen, por iso é polo que se dedicen a dar o paso. "Ao principio foi desesperante, a min secáronseme as bágoas, todas as que tiña boteinas", sosteñen. Agora que xa están máis tranquilas, queren que a Xustiza que chegou da policía e os tribunais tamén chegue da sociedade e "que digan: sentímolo, é mentira e pedímosvos perdón". Todo "para que poidan ir pola rúa como outro neno calquera", pois en Monte Porreiro "coñecémonos todos" e desde setembro sinálanlles pola rúa e marxínanos.