A imaxe dio todo. O campo de fútbol de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, quedou completamente inservible tras o temporal ocasionado pola borrasca Domingos e que azoutou con forza Galicia durante a madrugada deste sábado 4 de novembro.
O temporal provocou un desbordamento do río Verdugo como non se lembra na localidade, arrasando o céspede artificial da instalación deportiva.
"É un desastre", recoñece o presidente da SCD Ponte Caldelas, Pedro Rodríguez, un dos primeiros en acceder ao campo a primeira hora da mañá.
"Nunca pasou nada igual, hai uns anos levantouse unha esquina, pero foi pouca cousa, pero isto... a auga chegou mesmo aos vestiarios", explica abatido o dirixente.
Tamén o alcalde, Andrés Díaz, expresou a súa tristeza polo sucedido asegurando que "as perdas son incalculables. Que tristeza e ganas de chorar".
Os danos deixan nunha precaria situación a un club como a SCD Ponte Caldelas que actualmente conta con 12 equipos repartidos entre as diferentes categorías. Tres partidos esta fin de semana de feito tiveron xa que ser suspendidos. Polo menos "varios equipos xa nos ofreceron o seu campo", revela Rodríguez, que agradece o xesto e xa só pensa en "mirar cara adiante".