Un importante número de docentes do Instituto de Ensino Secundario Sánchez Cantón elaborou un vídeo para trasladar ao alumnado consellos e unha imaxe positiva nestes días de confinamento.
O vídeo mostra un avión de papel que vai percorrendo os domicilios dos profesores cunha mensaxe diferente en cada vivenda. Trasládanse propostas optimistas e lémbrase aos estudantes que para atopar solucións é necesario buscar e investigar.
A música de Rosana co seu tema 'Sin miedo' soa de fondo ata que irrompe unha versión do xa habitual 'Resistiré'. Este traballo editado polo profesorado xa circula por redes sociais coa idea de animar á comunidade escolar durante esta corentena.