Coa intención de comprobar os traballos de desentullo realizados durante os últimos días no convento de Santa Clara, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera; o director do Museo, Xosé Manuel Rey; e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, realizaban unha visita polo recinto, no que a próxima semana iniciarase a exhumación dos corpos das relixiosas que foron sepultadas no cemiterio interior.
Espérase atopar 58 corpos datados desde o ano 1900, pero descoñécense os que poden atoparse de etapas anteriores. A empresa funeraria contratada xa conta con todas as autorizacións da Xunta de Galicia necesarias para practicar as exhumacións, que están previstas entre o luns e o mércores.
Ademais, desde a Deputación anúnciase a convocatoria dun concurso de carácter internacional para acoller ideas que permitan rehabilitar o convento de Santa Clara co obxectivo final de incorporalo ao Museo de Pontevedra. Agora abordarase a fase de sondaxes arqueolóxicas e os estudos historiográficos.
Mosquera recoñeceu que se esperan numerosas ideas neste concurso que permita aproveitar este espazo que en "cada visita que se fai a imaxinación cambia para facer cousas distintas", explicou o vicepresidente provincial. A intención é que en setembro ou en outubro deste ano x se conte con información suficiente do estudo arqueolóxico e histórico para establecer as bases do concurso.
O representante da Deputación afirmou que se contratou en tempo récord un estudo arqueolóxico e histórico que posiblemente sexa o maior do Estado e tamén de Galicia. O día 13 iniciaranse os traballos e tamén está previsto que se desenvolvan os labores de roza con catalogación de árbores dos xardíns e das cepas dos viñedos.
Xosé Manuel Rey tamén recoñeceu que o convento "apunta ben" para a súa futura utilización como espazo museístico. Indicou que grazas aos traballos de limpeza realizados nas dependencias do edificio poderanse realizar as sondaxes e, ao mesmo tempo, obter "pequenos tesouros" entre os residuos acumulados durante sete séculos en que o convento foi empregado polas monxas clarisas.
Natalia Fraguas, conservadora do Museo, foi a responsable destes traballos nos que se recuperaron materiais con valor histórico, artístico e contextual ata o punto de que se atoparon materiais como barrís de viño ou recipitentes de aceite do comercio local ou mesmo latas recibidas a través do Plan Marshall.
Tamén se detectaron pinturas murais e espérase que en próximas intervencións se atopen máis imaxes e elementos figurativos, segundo indicaba o concelleiro Xaquín Moreda.
O Concello de Pontevedra manterá a programación cultural de maneira paralela ás intervencións da Deputación. Ademais, esta fin de semana realizaranse as últimas visitas cunha xornada de portas abertas ao xardín do convento.