Cada vez son máis os profesores que se atreven a gravar un vídeo para animar ás súas respectivas comunidades educativas durante este confinamento decretado pola expansión do coronavirus polo noso país. Un dos últimos casos, o claustro do IES Chan do Monte.
Hai case un mes que as clases están suspendidas. Esa foi unha das primeiras medidas tomadas en Galicia pola alerta sanitaria. Desde entón, o alumnado está na casa e traballa como pode, coa supervisión dos seus pais e dos seus titores, mediante medios telemáticos.
Mestres e mestras deste instituto de Marín quixeron publicar este vídeo no que, mediante un avión de papel como fío condutor, envíanse mensaxes de ánimo que fan extensibles a todos os seus alumnos.
Neste divertido vídeo, que toma prestada a popular canción Safe and Sound da banda estadounidense Capital Cities, os profesores confían en que esta situación pronto pasará e pídenlle ao seu alumnado que "non deixe de sorrir" nestes momentos.