VÍDEO.- O humor sarcástico asalta a primeira semifinal do Concurso de Murgas

Pontevedra
05 de marzo 2019

Cinco agrupacións participaban nesta primeira cita no Pazo da Cultura. Los de Soremay, Os de Noalla, Os do Val do Lérez, Equipo Ja e Leña Verde provocaron as gargalladas do público que, un ano máis, volveu encher o auditorio

Primeira semifinal do Concurso de Murgas 2019 / Diego Torrado

Moito humor, moita crítica e moi bo ambiente. A noite deste luns no Pazo da Cultura volveu ser unha festa da ironía coa primeira semifinal do Concurso de Murgas, que encheu de público o auditorio pontevedrés.

Cinco agrupacións enfrontáronse no escenario nunha sesión presentada, un ano máis, por María Carrera. Los de Soremay, Os de Noalla, Os do Val do Lérez, Equipo Ja e Leña Verde musicalizaron letras sobre a situación das pensións, da sanidade pública e o proxecto do Gran Montecelo, sobre o plan de compostaxe ou as rivalidades entre Vigo e Pontevedra a través dos seus alcaldes, Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores.

Este martes celebrarase a Noite Pirata no centro histórico e será este mércores 6, xornada festiva, cando se celebre a segunda semifinal a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura. Nesta ocasión participarán seis agrupacións: Os Arrumbados, PTV Made in China, Sin Barreras, Jana de Leria, A tropa da Mocha a Caralla e a Murga de Naveiro.

Os grupos que se clasifiquen para a gran final terán unha nova cita no mesmo escenario o xoves. Está prevista a instalación dunha pantalla para que os espectadores que non poidan obter unha butaca no auditorio poidan seguir as actuacións desde o vestíbulo do Pazo da Cultura.

Arquivado en