Carlos Fermín Santiago Iglesias, cura párroco de Campo Lameiro, limpa a fondo a súa casa e, de repente, atopa cunhas pequenas estatuas de Melchor, Gaspar e Baltasar que lle fan lembrarse dos Reis Magos e de como están a pasar o confinamento polo coronavirus.
Non tarda en contactar con eles para preguntarllo directamente, vía videochamada, e, de paso, aproveita para preguntarlles se teñen luvas, máscaras e todo o material de protección individual necesario para evitar o contaxio do coronavirus. Como lles faltan ás máscaras, envíalle unhas e lémbralles que, para manter as distancias de seguridade, unha boa referencia e ter en conta que deben separarse o mesmo espazo que mide a bufanda do Campo Lameiro CF.
Este é o comezo dun vídeo divulgativo realizado polo Concello de Campo Lameiro e protagonizado polo propio cura para lembrar as medidas de prevención individual a adoptar fronte ao coronavirus. Trátase dunha peza moi divertida na que Fermín Santiago vai contactando con diversas personaxes que lle son ben coñecidas a pequenos e maiores para lembrarlles como se deben comportar para frear os contaxios.
Con Scooby Doo contacta mentres fai deporte coa equipación do Campo Lameiro CF; co cangrexo Sebastian, amigo da serea Ariel, mentres lava as mans a fondo; con Dora a Exploradora e Peppa Pig mentres traballan na horta coa súa máscara posta; e con Kevin, dos Minion, mentres atrapa o coronavirus. A través de conversas con todos eles, lembra as medidas a adoptar.
Este vídeo divulgativo pretende concienciar ás familias da importancia de estar alerta e de seguir mantendo os protocolos de hixiene e distanciamento social como durante o proceso de confinamento estrito agora que se van suavizando as medidas coa desescalada e, cun ton divertido e desenfadado logra chamar a atención de adultos e nenos.
Segundo explica o alcalde, Carlos Costa Domínguez, a intención do Concello con esta montaxe audiovisual é visibilizar a importancia da implicación de toda a poboación nos labores preventivos. Este obxectivo lógrase grazas á implicación do cura, ao que agradece a súa colaboración, así como a dos Bonecos da Panorama e dos profesionais que gravaron as imaxes e fixeron a montaxe.
O vídeo está publicado no Facebook oficial do Concello de Campo Lameiro e en poucas horas recibiu máis de 3.500 visitas.