O colexio público de Parada-Campañó súmase ao movemento de vídeos realizados pola comunidade escolar e que se trasladan ás redes sociais para animar os escolares, os pais e nais e mesmo ao profesorado durante estes días de corentena.
Deste xeito, propoñen a toda a cidadanía que pensemos que "nunca choveu que non escampara" nun vídeo onde se emprega o tema 'Volveremos a brindar' de Lucía Gil e o profesorado vai amosando mensaxes positivas lembrando que sempre haberá unha solución para cada problema.
Pero non é o único vídeo realizado por persoal deste centro. Outro con presenza do alumnado de 5 anos pretende contaxiar boas vibracións a todos os seguidores e coa expresión Positivismo Power e o tema 'Happy', de Pharrell Williams, da película 'Gru, mi villano favorito 2' ('Despicable Me 2'), os escolares bailan e saltan animando a todo o mundo a copiar o seu espíritu optimista.