VÍDEO.- No Museo aprenden técnicas para guiar persoas cegas

Pontevedra
31 de outubro 2017

O Centro de Recursos da Once de Pontevedra impartiu unha xornada de formación en técnicas de acompañamento, guía e trato de persoas cegas ou con discapacidade visual

Xornada no Museo para aprender como hai que axudar ás persoas cegas / Mónica Patxot

O Sexto Edificio do Museo converteuse nun labirinto de probas para que un total de 25 persoas que traballan no Museo Provincial experimentasen en primeira persoa as particularidades que presentan as persoas cegas ou con discapacidade visual grave.

A técnica de rehabilitación do Centro de Recursos da Once en Pontevedra, Marisol González, ofreceu unha explicación teórico-práctica aos traballadores. Desta forma, os guías probaron en primeira persoa as cuestións fundamentais para que estas persoas con algunha dificultade visual poidan realizar unha visita museística. 

A través de antefaces, un grupo de participantes experimentou como moverse a través do edificio cos ollos vendados.

A monitora foi explicando como trasladar a información útil e como orientais nos desprazamentos. Sinalou que o importante é eliminar medos para saber como actuar. A principal recomendación é que se pregunte sempre á persoa cega e evitar palabras xenéricas que non achegan datos específicos que poidan axudala a moverse.

Diferentes traballadores do Museo sinalaban que unha das sensacións que causa o movemento sen visión é que se agudizan outros sentidos, como o tacto ou o oído.