Sesenta escolares do colexio Marcos da Portela foron as testemuñas do primeiro compost que se extrae dos tres composteiros comunitarios situados na urbanización de Monte Porreiro, no parque da rúa Italia. Alí dábanse cita o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado das concelleiras Carmen Fouces e Pilar Comesaña, ademais do edil Alberto Oubiña.
Todos eles atenderon á explicación que a mestra composteira ofreceu aos escolares sobre o proceso de tratamento dos residuos das vivendas para que se poida elaborar abono utilizable nos xardíns e nas hortas.
Neste proxecto colaboraron máis de 500 persoas, o 10% da poboación de Monte Porreiro, apuntou César Mosquera, que se mostraba moi satisfeito con estes resultados pola implicación da veciñanza. "Triplicouse a cantidade de xente que está a achegar. Era un reto. O barrio podar estar moi orgulloso", afirmaba o vicepresidente provincial, sorprendido porque o primeiro compost fose elaborado en tres meses, cando non estaba previsto que se puidese extraer ata principios de 2017. Engadiu que a calidade do abono orgánico é moi alta xa que só se verteron un 0,1 de materiais impropios nos composteiros.
Neste sentido sinalou que as únicas incidencias producíronse porque un veciño encheu de céspede un dos composteiros e que se detectou a presenza dalgunha bolsa. Indicou que cada mes espérase sacar ao redor de 70 quilos de fertilizante orgánico destes recipientes. Para Mosquera, o bo resultado está relacionado coa separación de residuos realizada por cada veciño no seu domicilio.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, tamén anunciou que se instalarán os composteiros que sexan demandados na zona, tendo en conta que na actualidade quedáronse escasos xa que non poden dar cabida aos restos que se derivan do supermercado e do colexio. O presidente da asociación de veciños O Mirador confirmou que a próxima semana estará funcionamento un cuarto composteiro na rúa Grecia.
Fernández Lores insistiu en que desde o goberno local espérase reducir, con este sistema, as 30.000 toneladas que se envían actualmente a Sogama. Agarda que se reduzan dentro dun par de anos a 10.000 toneladas e desta forma, tamén se reducirá o canon que hai que pagar a esta sociedade encargada da xestión dos residuos en Galicia. Actualmente, o Concello paga máis de 2.000.000 de euros anuais por este servizo e espera que, co plan de compostaxe, se reduza a 1 millón.
Os escolares participaron na plantación de árbores e comprobaron como se utiliza o compost nestes traballos de plantación, comprobando que estes residuos transformados non emiten mal cheiro.