VÍDEO.- "Me han destrozado la vida por tardar tanto"

Pontevedra
02 de febreiro 2016

Pasou a noite, a madrugada e chegou o día seguinte ao incendio do edificio da Ferrería e Michelena. Os veciños puideron volver ás súas casas e os comerciantes empezar a avaliar danos. Este é o primeiro balance das consecuencias dun lume do que, cando empezou, aínda houbo quen pensou: "Mi yerno le dijo a la mujer que si se había quemado una tartera"

Maite Ramírez fai balance do incendio que a deixou sen tenda / Mónica Patxot

Na noite deste luns, Maite Ramírez Baltuille vía como as chamas ían queimando o seu negocio ata que, xa de madrugada, todo quedaba reducido a cinzas. Na mañá deste martes, cando aínda tentaba buscar unha explicación, pois todo parecíalle "como una pesadilla, aún peor", mantivo unha conversación co xefe de Bombeiros de Pontevedra, Manolo Torres, que aumentou a súa sensación de frustración. Explotou e díxolle, segundo ela mesma relatou: "Me han destrozado la vida por tardar tanto".

Maite Ramírez, propietaria da tenda A Moda Ideal situada no baixo do edificio incendiado, trasladoulle as súas críticas porque entende que os bombeiros de Pontevedra tardaron 45 minutos en empezar a sufocar as chamas desde a zona da Ferrería e asegurou que "en un cuarto de hora ardió todo", de modo que esa suposta tardanza -os Bombeiros empezaron a apagar o lume pola rúa Michelena- complicou as consecuencias. Agora sabe que "no me queda más remedio que tirar hacia delante", pero o incendio truncoulle todos os seus plans vitais: "Pensé que iba a estar toda la vida, hasta los 90 años si Dios me daba salud, como mi tío abuelo".

O lume foi moito máis devastador no seu negocio que no segundo máis afectado, a zapatería Cuplé. A propietaria, Pilar Lemos, recoñecía este martes que "mi tienda está entera relativamente" aínda que é certo que ao mediodía aínda non puidera entrar e valorar todos os danos. A pesar de todo, teme que quedou todo "inservible" e laméntase:"Es tu vida, es tu trabajo, y, de repente, de la noche a la mañana te encuentras con que se va todo al traste". Non sabe que fará a partir de agora, aínda nin o valorou. 

As chamas non levaron por diante o negocio de Cristina Rodríguez Fernández, propietaria dun local de estética situado na rúa Michelena xusto á beira do edificio incendiado, pero si lle están afectando. Ao día seguinte, viuse obrigada a suspender todas as citas concertadas e atopouse con que o local que pintara aínda o pasado sábado non tiña luz, tiña o chan encharcado e as paredes "muy muy calientes" e "como ahumadas". Ela está xa xubilada, pero non quixo deixar de ver cos seus propios ollos como está o negocio polo que deu a súa vida e que agora, con 76 anos, deulle "un disgusto enorme"

Cristina non vive no edificio, pero si outras dúas familias. No segundo piso reside unha persoa maior que tivo que ser trasladada ao hospital na noite do luns e este martes, cando os bombeiros e a Policía Local autorizaron aos veciños para volver ás súas casas, non o fixo. No terceiro viven Luís Campos e a súa noiva, a quen os bombeiros tiveron que desaloxar cubríndolles todo o corpo porque xa nese momento caían sobre as escaleiras dos inmoble anacos de cristal plástico queimado. Pasaron a noite coa súa sogra e este martes, cando regresaron, seguían co susto no corpo. "Mi yerno le dijo a la mujer que si se había quemado una tartera", conta a súa sogra. E é que eles cando empezou a saír fume do inmoble de ningunha maneira imaxinábanse que aquilo terminaría así. 

A "magnitud de las llamas" si fixo presaxiar o peor aos veciños do edificio situado alén do incendiado, no que reside, nos seus catro pisos, varios membros dunha mesma familia. Cando empezou o lume, tan só dous estaban no interior e, asustadas, xa non esperaron a que os bombeiros e policías os desaloxásen. Todo foi tan rápido que "yo cogí mi bolso porque lo tenía a mano, pero mi hermana ni eso", relata unha delas ao día seguinte, tentando facer balance dunha noite na que toda a familia acabou aloxada polo Concello nun hotel e na que tan só teñen boas palabras para "la buena respuesta de las instituciones" locais e na que chegaron á conclusión de que "Pontevedra respondió muy bien, todos lo hicieron". 

Arquivado en