VÍDEO.- Javier Losada pon en valor a actuación da Brilat durante a crise sanitaria

Pontevedra
16 de xuño 2020

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu o traballo da Brigada VII Galicia ( Brilat) na loita contra os efectos da covid-19 con "máis de 400 desinfeccións" nesta comunidade, das que "máis da metade fóron de residencias de anciáns"

O delegado do Goberno visita a Brilat / PontevedraViva

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu o traballo da Brigada VII Galicia (Brilat) na loita contra os efectos da covid-19 con "máis de 400 desinfeccións" nesta comunidade, das que "máis da metade foron de residencias de anciáns".

O delegado do Goberno visitou este martes en Pontevedra a base Xeral Morillo do Exercito de Terra, onde mantivo unha reunión co xeneral xefe, Luís Cortés, e coñeceu os medios que empregaron os militares nas tarefas que asumiron nestes últimos meses.

Javier Losada valorou que "nesta crise sanitaria as forzas armadas puxéronse ao dispor da sociedade " e que deron "o mellor de si mesmas: a súa experiencia, profesionalidade e capacidade de entrega ao servizo dos cidadáns".

O seu traballo e o do resto do sector público, apuntou o delegado, é "exemplo da importancia de ter un Estado forte, con recursos e capacidade de resposta unida diante de crises de gran magnitude como a pandemia do coronavirus".

"OPERACIÓN BALMIS"

Desde o inicio do estado de alarma, a través do Ministerio de Defensa, o Exército desenvolveu a "Operación Balmis", na que a Brilat despregou persoal dos seus tres bases (Pontevedra, Asturias e Valladolid) en varias comunidades, incluída Galicia.

No territorio galego, a Brilat desenvolveu misións de desinfección de 161 residencias de anciáns, hospitais e instalacións críticas. En concreto, foron 44 instalacións afectadas pola COVID e 117 desinfeccións preventivas.

Galicia concentrou 161 das 219 tarefas de desinfección que efectuou en total esta unidade.

Ademais a Brilat levou a cabo, as denominadas "misións de presenza en localidades", en coordinación coas forzas e corpos de seguridade do Estado e autoridades civís. Consistiron no despregamento de patrullas para verificar o cumprimento do Real Decreto de Estado de Alarma. Nesta tarefa, a Brilat actuou en 35 localidades de Galicia empregando a 60 militares por día.

E por último, está o control de fronteiras. En colaboración coa Garda Civil, persoal da Brilat estivo presente nos pasos fronteirizos das provincias de Pontevedra e Ourense con Portugal.