Cando esteas a piques de chorar, lembra: algún día todo isto pasará. Así comeza a coñecida canción High, do dúo británico Lighthouse Family, o tema elixido polos profesores do instituto Valle Inclán para animar un vídeo co que mandan saúdos ao seu alumnado.
Tras un mes sen clases, o claustro do instituto quixo enviar unha mensaxe de ánimo a todos os estudantes, no que ademais lles recomendan tarefas para realizar en casa durante o confinamento.
Eles mesmos predican co exemplo e vémoslles facendo deporte, retomando lecturas pendentes, viaxando coa imaxinación, creando receitas de cociña, recorrendo á música, escribindo mensaxes, divertíndose coa súa familia ou non perdendo o humor nesta situación.
Todos xuntos, reiteran no vídeo, sairemos desta e farémolo máis pronto que tarde.