'Ti dálles viño, ti dálles pan, que xa veñen os santos do Equipo Ja', con esta frase e un paso de procesión que se transformaba en festa comezaba a actuación do grupo gañador datrixésima edición do Certame de Murgas 2022. O Equipo Ja, que este ano foi o grupo encargado da lectura do pregón do Entroido pontevedrés, conseguía vencer nunha final moi disputada e con moito humor, que se celebraba no Pazo da Cultura.
A presentadora habitual desta cita do Entroido, María Carrera, animou aos asistentes con cancións entre as actuacións dos grupos e mesmo cun baile co tenente de alcalde, Tino Fernández. Ambos se atrevían a emular a coreografía de 'Time of my life' da película 'Dirty Dancing', apoiados cos aplausos do público.
O xurado decidiu que o segundo premio fose para Os do Val do Lérez; a murga PTV quedou en terceiro lugar e a Murga do Naveiro situouse en cuarta posición nun ano no que todas agrupacións participantes contaron con máis dificultades para preparar as súas intervencións debido ás restricións derivadas da pandemia.
O esforzo destes colectivos volveu demostrar que Pontevedra é unha cidade que goza do Entroido e da ironía musical e crítica das Murgas.