VÍDEO.- De lapas perigosas a cinzas que saltaban sobre as súas cabezas, así foi o domingo para moitos gardas

Pontevedra
21 de outubro 2017

A xornada do domingo negro de incendios en Galicia foi dura para toda a poboación e tamén para os integrantes do dispositivo de extinción e para quen, como os policías e gardas civís, reforzaron os operativos e deron seguridade. Aquí recóllese a vivida polo pontevedrés Félix Díaz Juan, tenente xefe do posto principal da Garda Civil de Baiona e Nigrán

Así se salvou do lume o cuartel de Baiona / PontevedraViva

A xornada do domingo negro de incendios en Galicia foi dura para toda a poboación e tamén para os integrantes do dispositivo de extinción e para quen, como os policías e gardas civís, reforzaron os operativos e deron seguridade. En Pontevedra, as historias e relatos sobre o inferno vivido repártense por todo o territorio. Aquí recóllese unha delas, vivida polo pontevedrés Félix Díaz Juan, tenente xefe do posto principal da Garda Civil de Baiona e Nigrán. 

En Baiona uno dos momentos máis críticos produciuse sobre as 16.30 horas na contorna do cuartel da localidade. Os 28 efectivos estaban repartidos por Nigrán e Baiona facendo patrullas e axudando aos veciños cando a situación complicouse á beira de casa. O lume cercaba a localidade e "nun momento dado, con moita sorpresa, chegou á zona onde estaba o cuartel" e empezou a arder nos exteriores. 

O tenente Félix Diaz insiste en que "temos que dar as grazas aos veciños, que non dubidaron en ningún momento en poñerse connosco e, grazas á súa axuda, púidose salvar o cuartel". Pensaron que tiñan que evacuar, pero, coa intervención de todos, lograron evitalo ata que a lingua de lume desprazouse cara a outra zona. A continuación, "o grupo enteiro de gardas e veciños fomos cara alí e logramos acabar co incendio". Entre quen axudaba estaban mesmo persoas ás que detiveran previamente. 

A intervención foi crucial porque o cuartel estaba en "unha zona moi perigosa" e "non podiamos deixar que ardese, tiñamos que enfrontarnos a el porque sería o cuartel e despois as casas que estaban debaixo". O perigo foi tal que as lapas empezaron a saltar  e a xurdir conatos do outro lado do cuartel. "Grazas aos veciños e a nós puidemos evitar que ardese parte do centro urbano de Baiona", engade.

A situación vivida era dantesca, con lapas moi altas, unha contorna "moi perigosa", moita calor" e a cinza saltando alén. "Dábase o caso de que estabamos entre dous lumes", indica o tenente. As consecuencias, finalmente, foron materiais nas cámaras e focos do cuartel e a subministración eléctrica interrompida. Ademais, algún vehículo levou golpes durante as evacuacións e varios gardas sufriron rabuñaduras e negróns.

Arquivado en