VÍDEO.- Coñecemos o Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud e tres historias de superación

Pontevedra
21 de maio 2019

O Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud conta cun cadro de persoal de 50 profesionais, un traballo en equipo pero tamén individualizado en cada paciente. Lorena, Cristian e Miguel fálannos da segunda oportunidade que lles deu a vida

Equipo multidisciplinar do Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud Pontevedra
Equipo multidisciplinar do Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud Pontevedra / Quirónsalud Pontevedra

O Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez traballa na atención integral dos pacientes que están afectados de dano cerebral adquirido, unha patoloxía que só en España rexistra 100.000 casos novos cada ano.

Un accidente cerebrovascular require unha actuación inmediata, no hospital, e unha posterior recuperación "co obxectivo de conseguir a máxima autonomía posible" antes do regreso do paciente ao seu domicilio. Son palabras da doutora Ana Enríquez, a coordinadora do Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud Pontevedra, o centro de referencia en Galicia dende 2001, onde se realiza esa fase intermedia entre o hospital e o domicilio.

Doutora Ana Enríquez, pese a levar funcionando case 20 anos, hai moitas persoas que descoñecen a actividade que se leva a cabo no seu centro e seguen relacionándoo co antigo Hospital da Merced, que ocupaba estas mesmas instalacións en Poio. Podería explicarnos cal é o ámbito de actuación do Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud Pontevedra?

É un centro de rehabilitación para todos os pacientes que están afectados dun dano cerebral adquirido. Iso quere dicir que é un dano que se produciu ou ben por un ictus, que é a causa máis frecuente, cun 78% dos casos, e o 22% restante repártese entre encefalite, tumores cerebrais, traumatismos craneoencefálicos por accidente e algunha encefalopatía anóxica despois dunha parada cardiorrespiratoria.

O ictus acostumaba relacionarse con persoas de idade avanzada, pero cada vez escoitamos máis novas de xente coñecida que sufre esta patoloxía a unha idade temperá. No seu centro, a que rango de idade atenden?

Nós non temos un criterio de exclusión por idade. Actualmente tratamos pacientes dende nenos ata 80-85 anos. Para nós o criterio é a situación premórbida, ou sexa, a situación antes do ictus ou do accidente: se era unha persoa autónoma, independente. Desafortunadamente, na actualidade os ictus, os accidentes cerebrovasculares, son máis frecuentes en persoas novas. Nós tivemos pacientes de trinta e poucos anos afectados de ictus e evidentemente a recuperación tamén é moito mellor.

Cales son as claves no tratamento?

O que defendemos sempre, pola nosa experiencia e porque sabemos que é a clave, é o tratamento por un equipo multidisciplinar, é dicir, nós temos un médico rehabilitador, que é o que coordina o equipo, e logo temos logopedas, neuropsicólogos, terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas. Entón trabállase dun xeito transdisciplinar. Isto quere dicir: todos cun mesmo obxectivo pero dende distintos ámbitos. Facemos reunións semanais para marcar os obxectivos de cada paciente e entón cada un de nós vaino traballando dende o seu ámbito. E todo iso coa participación da traballadora social, que é a que dá un apoio importante ás familias. Porque aquí hai que pensar que o drama non é só a afectación do paciente, senón toda a súa contorna que se ve afectada de maneira súbita por un cambio de vida radical.

Dende que se produce un accidente cerebrovascular, en que parte do proceso actúan vostedes?

Inicialmente tes un accidente cerebrovascular e vas ao hospital. Na fase aguda o que fan é tentar salvarche a vida. Nós seriamos o seguinte chanzo, a fase subaguda, antes do regreso ao domicilio, cando lles dan a alta no hospital de referencia pero non están aínda en condicións, non son independentes para regresar ao domicilio. Teriamos entón a fase aguda, subaguda e logo xa a crónica no domicilio ou institucionalizado. Nós somos a fase intermedia, que pode ser en réxime de hospitalización ou en réxime ambulatorio, as dúas opcións que temos aquí.

Entendo que é difícil establecer tempos na recuperación, podería darnos unha estimación da duración destas terapias?

Son rehabilitacións longas, porque son procesos rehabilitadores longos. Se é en réxime de hospitalización sempre recomendamos como mínimo dous ou tres meses de hospitalización. Aí nós imos, por así dicilo, a arrincar o proceso rehabilitador, encauzalo un poco e despois lles axudamos a través da nosa traballadora social a que preto do seu domicilio continúen de xeito ambulatorio.

Que factores determinan a evolución dun paciente?

Unha clave importante é a premura no inicio do tratamento, canto antes se empece a rehabilitación, os resultados son moito mellores. Pero se necesita que o paciente esté estable, non pode estar nin con infeccións nin con febre. Unha vez que está estabilizado e lle dan a alta no hospital para ir ao seu domicilio, é o momento. A idea é conseguir a máxima autonomía posible e, en caso de que non se poida conseguir, axudarlles a adaptarse ás secuelas que puideran quedarlles. Por exemplo, se che quedou o brazo dereito parético [parálise parcial] e es destro, aprenderlle a utilizar o esquerdo, de maneira que poida ser funcional, comer ou vestirse coa man esquerda en caso de que non poidamos recuperar o brazo dereito.

O Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud é coñecido polo seu Lokomat®, un equipo de última tecnoloxía para a rehabilitación robotizada de pacientes con lesión medular ou ictus, entre outros. Que peso ten a tecnoloxía e que importancia o papel do terapeuta?

O Lokomat® é unha ferramenta moi importante que axuda no tratamento sobre todo para a rehabilitación robotizada da marcha. Tamén existen agora moitos programas de realidade virtual e tablets que axudan no tratamento. Pero sen dúbida, o máis importante son os terapeutas. Aquí as terapias son individuais, está o terapeuta co seu paciente, co cal é terapia personalizada e individualizada.

Para cada paciente fan falla diferentes profesionais, como se coordinan no Instituto?

Nós baseámonos fundamentalmente no traballo en equipo. Son profesionais que levan tempo traballando xuntos e que lles apasiona o seu traballo e iso nótase no trato e nos resultados. Somos como unha familia. Hai tres plantas de hospitalización e cada planta ten 11 pacientes, polo que ao final acabas estando como en casa despois de tanto tempo de hospitalización, porque as estancias soen ser logas, cunha media de 80 ou 90 días. De feito sempre lles animamos a que personalicen as súas habitacións, que son individuais, traen cousas de casa, fotos da familia para que vaian establecendo un ambiente un pouco más cercano ao que era a súa vida.

 

TRES HISTORIAS DE SUPERACIÓN

O Instituto de Neuro-Rehabilitación Quirónsalud conta cun cadro de persoal de 50 profesionais, que inclúe especialistas en Medicina Rehabilitadora, Medicina de Familia, Neuropsicoloxía, Psiquiatría, Logopedia, Fisioterapia, Terapia Ocupacional, Traballo Social e Enfermería.

Un traballo en equipo pero tamén individualizado en cada paciente. Son moitas as historias que poden contar no centro, pero o máis emocionante é que sexan os propios protagonistas os que o fagan.

Lorena, Cristian e Miguel fálannos da segunda oportunidade que lles deu a vida.