VIDEO.- Compromiso dos Festivais Rías Baixas coa igualdade e a sustentabilidade

Pontevedra
26 de xuño 2017

Os Festivais Rías Baixas, que este ano pasan de ser sete a "8 máis 1", ratificaron este luns o seu compromiso para que a igualdade e o turismo sustentable sexan os seus sinais de identidade

Os Festivais Rías Baixas ratifican o seu compromiso coa igualdade e a sustentabilidade /

Os Festivais Rías Baixas, que este ano pasan de ser sete a "8 máis 1", ratificaron este luns o seu compromiso para que a igualdade e o turismo sustentable sexan os seus sinais de identidade.

Nun acto celebrado no Pazo provincial ao que asistiron representantes municipais dos distintos concellos que acollen estes festivais, así como os seus organizadores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva explicou que no terreo da igualdade os Festivais Rías Baixas acollerán a campaña "Lembra! Eu decido, ti respectas", para previr e actuar fronte ás agresións sexuais que se producen no transcurso dunha cita ou naquelas nas que se emprega algún tipo de droga para someter á vítima.

O compromiso coa igualdade tamén significa que se promoverá unha "presenza equilibrada de mulleres e de homes na oferta artística" que teña, como mínimo, un 40% de representación feminina encima do escenario. "Hai festivais que van ter case o cento por cento", comentou Carmela Silva.

Ademais haberá un equilibrio e igualdade salarial para eliminar esa brecha existente a día de hoxe no mercado laboral español onde as mulleres cobran un 20% menos que os homes por facer o mesmo traballo.

En todas as "estratexias de comunicación" dos Festivais Rías Baixas estará presente a igualdade con linguaxe inclusivo e non sexista, erradicaranse os estereotipos de xénero e visibilizarase a participación das mulleres na industria musical.

Por outra banda Carmela Silva expresou o seu "orgullo" por esta iniciativa que "impulsa o talento" á vez que "favorece o crecemento económico e promove o emprego".

Estas citas musicais o ano pasado reuniron a máis de 200.000 persoas, crearon 1.500 postos de traballo e deixaron un impacto económico na provincia de preto de 20 millóns de euros, segundo os datos ofrecidos polo promotor, Jordi Lauren. Neste contexto quérese potenciar a sustentabilidade.

Coa participación da Xunta de Galicia, Ecoembres, Ecovidrio, os distintos concellos afectados e as súas respectivas concesionarias do servizo de limpeza, e a propia Deputación desenvolverase un traballo de "concienciación" sobre a importancia da reciclaxe. Un compromiso que sempre estivo presente nestas citas musicais e que "este ano se fai máis forte".

Carmela Silva lembrou que estes festivais desenvólvense en espazos naturais cun "alto valor patrimonial" que necesitan que unha vez terminado o evento "queden exactamente igual que antes de que chegásemos".

Jordi Lauren resumiu que se trata de "concienciar e educar" especialmente á poboación de entre 18 e 35 anos "que son os que menos reciclan" para "inculcar estas ideas" da reciclaxe, a reutilización e o coidado do medio ambiente.

Os Festivais Rías Baixas arrancan este fin de semana na Illa de Arousa co Atlantic Fest.