Bailaches, Carolina?
Bailei, si señor!
E así cantaron todas as persoas asistentes a coñecida canción tradicional, popularizada décadas atrás por Fuxan os Ventos. O tema servía como entrante a unha nova edición de 'Aquí cántase!', a proposta que Maravallada e o pasacalles de Treboada do Baixo Miño levan ofrecendo nas Festas de Verán con gran éxito de participación.
Persoas de avanzada idade e tamén mocidade e cativada entonaban o repertorio con pezas como Foliada de Pontevedra, O Roubador ou O vivir en Lérez, seguindo as letras, cando non as sabían, polas follas repartidas polos organizadores.
Ás 21.00 horas comezaban a cantar na praza da Ferrería seguindo a música da agrupación, co concelleiro Xaquín Moreda interpretando a gaita, para despois continuar un percorrido masivo e animado ata xa entrada a noite por Curros Enríquez, as escalinatas do Teatro Principal e a praza da Leña.
A cita foi todo un adianto musical e festivo para unha semana grande das festas que comeza este sábado 13 de agosto ao mediodía co pregón de Carmen Salinero, directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, desde o balcón do Pazo de Mugartegui.