A XXIII edición da Feira Franca de Pontevedra comezou este venres 6 de setembro, baixo as nubes que ameazaban chuvias.
O centro histórico da cidade do Lérez vestiuse de gala para acoller unha das celebracións máis emblemáticas do calendario pontevedrés.
Ás 19:00 horas, os pregoeiros a cabalo anunciaron o inicio oficial do evento, percorrendo as rúas do casco vello e convidando a veciños e visitantes a sumarse á festa.
O punto álxido da noite chegou ás 22:00 horas coa representación do espectáculo inaugural 'A Historia de Xan da Lus', a cargo da compañía Pablo Méndez Performance na praza da Ferraría, que finalmente tivo que suspenderse pola chuvia.
SÁBADO DE FEIRA FRANCA
Aínda que o venres serve como aperitivo, o día grande da Feira Franca será este sábado 7, cando se espera a participación de milleiros de persoas e agárdase unhas mellores condicións meteorolóxicas para o desenvolvemento da festa medieval.
As rúas do centro histórico transformaranse nun auténtico mercado medieval, onde confluirán artesáns, zoqueiros, xoieiros e toda clase de oficios tradicionais.
Ás 11.30 horas está prevista a apertura do mercado medieval na avenida de Santa María e da mostra de oficios nas prazas da Ferraría, Pedreira e do Peirao.
Xa ás 12.00 horas comezará a tradicional recreación do transporte do viño a cargo da asociación Recriativa de Xeve, A Xanela do Maxín, Troula e Duos Pontes para iniciar unha xornada de festa, alegría e moita gastronomía.