Desde este venres, operarios dunha empresa especializada e os bombeiros do Parque municipal de Pontevedra coordínanse nos traballos de retirada das máis de 42.000 toneladas de cereais que se acumulaban no interior da nave de Pontesa, que se incendiou o domingo 6 de novembro.
Desde o Concello de Pontevedra informan de que, do mesmo xeito que durante as semanas anteriores era precisa a presenza dos bombeiros para extinguir as lapas que volvían producirse, agora están a atacar o foco principal do incendio mentres se vai retirando o material. Segundo indican, aparecen novas chemineas debido a que aínda permanecen cereais en combustión no fondo das grandes montañas de gran. Sinalan que aínda a extinción definitiva tardará algúns días en producirse.
As tarefas de retirada realízanse, segundo fontes municipais, coas máximas precaucións e medidas de seguridade debido á presenza de amianto, que se atopaba na cuberta afectada polo incendio. Ao mesmo tempo que unha pa escavadora move os cereais, os bombeiros arrefrían a zona para evitar novos focos de combustión.