VÍDEO.- Así debutaba o tren Avril na estación de Pontevedra antes dunha avaría técnica en Ourense

Pontevedra
21 de maio 2024

O primeiro tren Avril partía ás 09.30 horas procedente da estación de Urzáiz, dous minutos máis tarde do horario previsto, e chegaba ás 09.44 a Pontevedra, dous minutos antes da hora. Partía ás 09.48 en dirección a Vilagarcía e paraba na estación de Santiago ás 10.25 horas. Os tempos de viaxe ata Madrid quedarán reducidos en arredor dun cuarto de hora

O tren Avril saíndo da estación de Pontevedra / PontevedraViva

O primeiro tren Avril (Alta Velocidad Rueda Independiente Ligero) partía ás 09.30 horas procedente da estación viguesa de Urzáiz, dous minutos máis tarde do horario previsto, e chegaba ás 09.44 á estación de Pontevedra, dous minutos antes da hora establecida.

En Pontevedra partía ás 09.48 en dirección a Vilagarcía de Arousa. Desde alí partía ás 10.05 horas e facía a súa parada na estación de Santiago de Compostela ás 10.25 horas.

Os tempos de viaxe ata Madrid, con este novo convoi que se puña en marcha este 21 de maio, quedarán reducidos en arredor dun cuarto de hora respecto aos anteriores e supón un incremento dun 20% no número de prazas para pasaxeiros.

Estes novos trens de alta velocidade da serie S106 de Talgo substitúen percorridos que realizaban os de Alvia. A diario realizarán catro viaxes de conexión entre Galicia e Madrid, que se reducen a dous os sábados.

Estos trens acadan velocidades por riba dos 300 km/h. e no interior ofrecen diferentes comodidades con información turística e servizo multimedia.

Este debut estivo marcado por unha avaría eléctrica en Ourense pasadas as 11.30 horas. O tren quedou momentaneamente sen luz debido a esta incidencia, que tamén afectaba a outras liñas na estación ourensá. A viaxe retomábase ás 12.37 horas.

EVALUACIÓN DE LUIS LÓPEZ

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, afirmaba este martes que os trens Avril "chegan tarde e non ben", apuntou sinalanado que os prezos son esaxerados e faltan prazas.

Pola súa parte, SFF-CGT GZ Renfe tamén facían referencia ao aumento da oferta que presenta este corredoiro de longa distancia, pero critican a situación da media distancia en Galicia apuntando a que as prazas non aumentan; os tempos de viaxen foron revisados á alza, cun incremento de cinco minutos; e advirten de que a xusta dispoñibilidade de vehículos non permite realizar os mantementos cos niveis ideais de calidade.

Indican tamén que a falta de reposto no mantemento dos trens provoca incidencias nos servizos ferroviarios que utiliza a poboación galega de maneira diaria ou semanal para os desprazamentos habituais dentro de Galicia.

Demandan, desde este sindicato, un aumento dos investimentos no ferrocarril de proximidade e rexional, que é onde se fai o 95% dos desprazamentos ferroviarios. Piden tamén un aumento de frecuencias nos corredores saturados e aumento dos servizos nos tramos do rural con prezos asumibles tanto na media como na longa distancia.