VÍDEO.- As obras da estación de autobuses están executadas ao 60% e rematarán este verán

Pontevedra
06 de abril 2021

Ethel Vázquez explica que o conxunto intermodal é un proxecto estratéxico que facilitará o intercambio áxil e seguro entre o tren e o autobús e creará novos espazos urbanos de calidade para os veciños

Obras na Estación de Autobuses / PontevedraViva

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores supervisaron este martes o avance dos traballos da estación intermodal de Pontevedra.

Ethel Vázquez salientou que estas obras roldan o 60% da súa execución total, "polo que en verán esta infraestrutura estará á disposición de veciños e usuarios", logo dun investimento de 6 millóns de euros, dos que a Xunta achega 4,6 millóns.

A conselleira explicou que se están a executar dúas actuacións de xeito paralelo: a remodelación integral da estación de autobuses e o proxecto de adecuación para a intermodalidade.

Sinalou que a reforma integral da estación, que inclúe a renovación da fachada, cuberta, interiores e mellora das instalacións, está avanzada. Indicou que os próximos traballos serán os pavimentos e revestimentos, xunto coa intervención na fachada.

En canto ao proxecto de intermodalidade, subliñou que a praza de acceso fronte á estación de autobuses para conectar as dúas estacións está xa practicamente rematada. Sinalou que tamén se está a executar o itinerario peonil entre as dúas estacións, coa estrutura da pasarela xa visible, e o novo acceso de autobuses desde Josefina Arruti.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernandez Lores amosou a súa "satisfacción" por este proxecto e referiuse nomeadamente a que este novo acceso e o peche do ramal actual de entrada á estación, que está previsto no mes de maio,permitirá "destapar" o río Gafos e poñelo en valor, adecuando toda a súa contorna e gañando un novo espazo público de gran valor ambiental.

Fernández Lores sinalou que todas as peticións que fixo o Concello se recolleron no proxecto.

Pola súa banda, Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta coa cidade, cun investimento de case 200 millóns de euros con grandes obras como a estación intermodal, o Gran Montecelo, o edificio de Benito Corbal ou as melloras no saneamento da ría, con proxectos como a mellora da depuradora dos Praceres ou o impulso ao novo emisario submarino.