Un equipo de 11 traballadores pertencentes ao Servizo de Deportes e ás brigadas municipais do Concello de Pontevedra está a traballar dende primeira hora deste martes para permitir que o Pavillón Multiusos da Xunqueira se poida transformar en albergue de persoas sen fogar.
O persoal da Administración local xa realizou a cobertura do chan da pista polideportiva e as tarefas de montaxe da trintena de camastros cos que contarán as instalacións, co obxectivo de que comece a funcionar como infraestrutura asistencial a partir das 12:00 horas do mércores.
A decisión de acondicionar o Multiusos da Xunqueira prodúcese despois de que a Concellería de Benestar Social solicitase un informe á Policía Local e á Asociación Rexurdir sobre os cidadáns que continúan a durmir nas rúas de Pontevedra. "Falouse cunhas 20 persoas -explica a edil responsable do departamento municipal, Paloma Castro- para que empreguen este novo albergue. Hai outras cinco máis que non queren, pero estamos intentando convencelos".
Un contrato de servizos cunha achega económica de máis de 6.000 euros permitirá que a Cruz Vermella xestione o funcionamento das instalacións, sempre baixo a dirección e supervisión da monitora educadora Patricia González, traballadora dos Servizos Sociais municipais (que tamén coordina as de Raíña da Paz, en Salcedo).
Tal e como sinala Paloma Castro, "o albergue estará perfectamente atendido en todo momento", ao contar cun coordinador da oenegué e dous voluntarios por quenda e cun servizo de seguridade privada financiado polo Concello. Asemade, o persoal sanitario da Unidade de Atención ás Drogodependencias (UAD) encargarase de realizar controis tres veces por semana.
As 30 camas instaladas polo Servizo de Deportes e as brigadas disporán dos seus respectivos sacos de durmir, mantas e almofadas, adquiríndose a comida para os usuarios a través do comedor de San Francisco ou (nos días en que este non funcione) de Cáritas. Esta última entidade tamén aportou roupa, dado que, como medida de seguridade, ademais de realizarse probas de temperatura e de saturación, obrigarase a todos os que queiran facer uso das instalacións a ducharse e a levar prendas limpas. A Cruz Vermella encargarase do servizo de lavandería e o Sergas facilitou garrafas de solución desinfectante para as mans.
Paloma Castro asegura que, unha vez finalizado o seu acondicionamento este martes, o Pavillón Multiusos da Xunqueira disporá de "todo o necesario para que os seus usuarios estean nas mellores condicións", incluíndo wifi, televisión, microondas e kits persoais de comida (pratos, vasos e cubertos) e de hixiene (toallas, roupa interior e produtos de hixiene). Á marxe da comida quente aportada polo comedor de San Francisco e por Cáritas, as persoas sen fogar que se aloxen no edificio deportivo tamén terán á súa disposición os tuppers doados por empresas como Froiz ou Carrefour.