VÍDEO.- A primeira eliminatoria de Murgas "embucha" de público o auditorio do Pazo da Cultura

Pontevedra
28 de febreiro 2017

Os de Noalla, Os do Val do Lérez, Murga Feminina de Pontevedra e Murga PTV foron as agrupacións que iniciaron o certame deste ano con referencias a Donald Trump, a Fernández Lores e a peonalización de Pontevedra, ao falecido Fidel Castro e tamén ao alcalde de Vigo, Abel Caballero

Primeira eliminatoria do Concurso de Murgas 2017 / Diego Torrado

A media tarde xa había público facendo cola nas portas do auditorio do Pazo da Cultura para asistir a unha das citas máis esperadas do Entroido pontevedrés, o concurso de murgas, que este ano chega á súa vixésimo sexta edición. As máis de 700 butacas volveron quedar escasas para un espectáculo que conta con miles de seguidores.

Este luns celebrábase a primeira eliminatoria coa participación das agrupacións Os de Noalla, Os do Val do Lérez, Murga Feminina de Pontevedra As Pitonisas e Murga PTV,  que divertiron ao público con humor irreverente e críticas a personaxes tan relevantes como o presidente norteamericano Donald Trump, o presidente do Goberno español Mariano Rajoy, os líderes de Podemos ou o falecido Fidel Castro. 

Pero tamén houbo críticas ás autoridades máis próximas. O alcalde Fernández Lores volveu converterse en referente coa súa peonalización e os "lombos" implantados na cidade e o rexedor de Vigo, Abel Caballero, tivo tamén o seu protagonismo nas coplas dalgunha das murgas.

A segunda eliminatoria celebrarase o mércores tamén a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura coa participación de Equipo Ja, Leña Verde, Murgaa do Naveiro: Parking Disuasorio World Tour e Marajota e Media. Os clasificados nestas dúas eliminatorias disputarán a final o xoves 2 de marzo no mesmo escenario. Todas estas actuacións poderán escoitarse en PontevedraViva Radio.

Na noite deste martes celebrarase, a partir das 22.00 horas, a Noite Pirata polo centro histórico co desembarco da tripulación do Burla Negra en memoria do pirata pontevedrés Benito Soto. Nove comparsas encargaranse de animar as rúas.

Arquivado en