VÍDEO.- A familia de 'Lupe' non se arrepinte de agredir a Cortiñas: "Lo nuestro también fue un arrebato"

Pontevedra
18 de febreiro 2016

Esmeralda Jiménez pide perdón a todos os que estaban na sala de vistas durante o tumulto, excepto ao seu pai. O acusado pediu perdón no xuízo, pero ela respóndelle: "El perdón que se lo dé a su puta madre". El tamén espera algún día poder volver abrazar aos seus seis fillos, pero eles non están dispostos a facelo: "Jamás de la vida va a abrazar a sus hijos"

A filla de 'Lupe' négase a perdoar ao seu pai por asasinar a súa nai / Mónica Patxot

Esmeralda ten de nacemento o apelido Cortiñas, pero desde hai dous anos renuncia a el. É o apelido do seu pai, José Luis Cortiñas Romeu, que estes días está a ser xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra como presunto asasino da súa nai, María Luisa Jiménez Jiménez, 'Lupe', e non quere saber nada del. Este xoves compareceu ante os medios de comunicación ás portas do edificio xudicial presentándose como Esmeralda Jiménez e pedindo perdón en nome de toda a súa familia polo altercado multitudinario rexistrado este mércores na sala de vistas, no que dous das súas tías e un terceiro individuo agrediron ao acusado cun golpe na cara e un botellazo de coca-cola na cabeza. Pero ese perdón é selectivo, diríxese a todos os que estaban na sala excepto á súa vítima directa, o seu pai.

A moza, embarazada de catro meses, xa falou en nome da súa familia o primeiro día do xuízo para clamar que o acusado "esnaquizou a vida a seis fillos" e foi protagonista secundaria deste xuízo con anterioridade. O martes sufriu un desmaio mentres apupaba xunto ao resto da súa familia o furgón policial no que Cortiñas saía da Audiencia e nas dúas primeiras sesións da vista rompeu a chorar no medio da sala en varias ocasións. Este xoves volveron elixila, para pedir perdón aos membros do xurado popular, aos avogados da defensa e a acusación, a maxistrada, os traballadores da Audiencia e a fiscal que estaban na sala no momento no que se desatou o tumulto

"Lo único que pedimos es perdón a ellos, al asesino no", asegurou e, de feito, profundou en que  "no nos arrepentimos  de hacerle eso al asesino". De feito, tenta xustificar a acción incidindo en que "fue mucho lo que aguantamos" y "tenemos mucho dolor" e fan súa unha das estratexias de defensa utilizada polo acusado no xuízo. Cortiñas confesou o brutal crime de 'Lupe', pero xustificou que a matou en "un arrebato". Do mesmo xeito, a súa filla devólvelle o argumento para falar do ocorrido na sala de vistas:  "No nos podemos aguantar y fue, como dice él también, un arrebato".

A comparecencia de Esmeralda tamén buscaba responder á intervención do acusado na súa confesión. El pediu perdón polos seus feitos, pero a súa filla respóndelle: "El perdón que se lo dé a su puta madre". El tamén dixo que esperaba algún día poder volver abrazar aos seus seis fillos, pero tamén para iso ela ten unha resposta:  "Jamás de la vida va a abrazar a sus hijos"

Mentres Esmeralda comparecía no exterior da Audiencia, a sesión reiniciábase no interior da Audiencia a porta pechada. Este mércores o xuízo interrompeuse máis de media hora despois do altercado e reiniciouse a porta pechada para terminar a proba pericial a través de videoconferencia que estaba a se realizar cando se produciu o ataque. Este xoves estaba previsto que a prensa si puidese acceder á sala, previa acreditación, pero finalmente todo foi sen público. Trátase dunha decisión do tribunal para que o xurado popular se tranquilice tras presenciar o violento incidente do día anterior e para garantir a seguridade da sesión xudicial

A pesar de que foi a porta pechada, fontes xudiciais confirmaron que as partes elevaron as súas acusacións iniciais a definitivas, o que implica que tanto a Fiscalía como as acusacións particulares -que exercen a familia e a Xunta de Galicia- piden que sexa condenado por un delito de asasinato en concurso cun de aborto á pena máxima permitida polo Código penal: 20 anos de prisión. A defensa pide que sexa condenado por un delito de homicidio coas circunstancias atenuantes de arrebato e confesión.

O avogado da familia, Víctor Bouzas, argumentou que "en un arrebato no se hacen esas heridas de sometimiento que ha tenido esta mujer", pois a falecida tiña rotos os ósos propios do nariz, os dous beizos esnaquizados, o ollo esquerdo inchado, doce puñaladas próximas ao pecha das que tres afectaron o corazón e o resto ao pulmón, unha ferida de degollamiento e tres feridas que atravesan o pescozo de lado a lado. "Estamos hablando de una ejecución en toda regla" na que, segundo el, o acusado primeiro deulle unha malleira á vítima e despois matouna  "de forma premeditada, consciente, y dando en zonas que son absolutamente vitales".