A primeira sesión do xuízo contra José Luis Cortiñas polo crime machista da súa esposa, María Luisa Jiménez Jiménez, 'Lupe', presentábase tensa. A previsión de que puidesen acudir á vista na Audiencia Provincial as familias do acusado e a vítima, e a inimizade manifesta entre ambas, levara á Policía Nacional e a Garda Civil a reforzar a seguridade no edificio xudicial. Pero nada facía prever que desembocase en momentos de angustia e tirantez como os que finalmente se viviron tanto na sala como no exterior do edificio xudicial ao berro de "asesino", "hijo de puta" ou "vas a llevar peor muerte que ella".
A mañá xa comezou cargada de agresividade. A familia do acusado non acudiu, pero si a da falecida. A pesar de que a Audiencia estaba literalmente blindada por decenas de axentes da Policía Nacional e a Garda Civil, familiares da falecida lograron lanzar unha botella de plástico ao furgón policial no que chegaba o acusado entre berros de "asasino". E a tensión foi en aumento. Un grupo deles acudiu á vista oral e sentíronse cuchicheos como "me cago en sus muertos" ou "que no salga de prisión" mentres o acusado confesaba o brutal crime do que están a piques de cumprirse dous anos. Pero nada como o que estaba por chegar.
"Si no lo hace la Justicia, lo vamos a hacer nosotros", foi o berro desgarrador dun home, da familia Jiménez no medio da sala de vistas da planta baixa da Audiencia. Aguantara máis de tres horas de xuízo sen dicir nada, pero, unha vez que declararon o acusado e unha decena de axentes da Garda Civil e a maxistrada indicou que terminaba a sesión, saltou. Con el, un grupo de persoas, todas familiares de 'Lupe'. Mentres a xuíza, Nélida Cid, ordenaba desaloxar a sala e a Policía Nacional sacaba ao procesado esposado, eles increpárono.
Os familiares da vítima mostraron camisetas coa cara dela e desexaron ao procesado "más vale que te pudras en la cárcel, canalla", entre outras lindezas cargadas de ameazas e odio. A tensión crecía por momentos e policías e gardas tiveron que obrigarlles a abandonar a sala do xuízo, pero o peor estaba por vir. Tanto quen seguira o xuízo como outros que se quedaron no exterior do edificio xudicial dirixíronse ao lateral da Audiencia. Alí un furgón e un coche policial custodiaban ao procesado, con destino a prisión.
Os berros de "asesino" volveron ser as frases máis suaves que se escoitaron. Un cordón de axentes rodeaba os vehículos policiais, pero non puideron conter a rabia incontida da familia de 'Lupe'. Enfrontados aos gardas, e entre reproches de "aún encima, protección...", tentaron achegarse ao coche e, en canto o furgón puxo rumbo á prisión da Lama, chegou o clímax: un desmaio dunha embarazada de catro meses e o enfrontamento coa prensa.
"No grabes, no grabes", empezaron a pedir, cun ton cada vez máis ameazante, algúns dos presentes aos traballadores dos medios de comunicación. Mentres un grupo de familiares atendía a unha das fillas da vítima que se atopaba desvanecida no medio da calzada, outro grupo de mulleres encaráronse coa prensa, chegando a golpear o teléfono dunha redactora de PontevedraViva que estaba a recoller en vídeo a escena.
O teléfono móbil interrompeu a gravación, pero a tensión continuou, xa cun axente da Garda Civil mediando, e máis familiares da falecida quixeron saber: "¿Tú por qué grabas?". Os medios separáronse do grupo de manifestantes nerviosos e o cordón policial foise relaxando. Quince minutos despois de que a maxistrada anunciase que a sesión se retomará mañá ás 9.45 horas, xa tan só quedaban ás portas da Audiencia media ducia de familiares falando con Víctor Bouzas, o avogado da acusación. E a seguridade de que este mércores a segunda sesión do xuízo volverá ser igualmente tirante.