VÍDEO.- A CIG, co 8M en Pontevedra: "Galiza enteira treme"

Pontevedra
08 de marzo 2019

A Confederación Intersindical Galega (CIG) protagonizou este venres unha poboada manifestación polas rúas de Pontevedra que concluíu coa lectura dun manifesto na Praza da Peregrina no que sinalaron ás mulleres galegas como "herdeiras de Rosalía de Castro" na súa loita polo empoderamento feminino

Acto da CIG con motivo do 8-M / PontevedraViva

"Hoxe, 8 de marzo, Galiza enteira treme". Así comezou o manifesto lido por Regina Pérez, traballadora do sector da alimentación, este venres ao concluír a manifestación convocada en Pontevedra pola Confederación Intersindical Galega (CIG).

Foi unha concorrida marcha polas rúas do centro da cidade que partiu ás 12:00 horas e na que as mulleres galegas sumáronse á folga feminista convocada con motivo do Día Internacional da Muller "seguindo o exemplo das nosas antergas, das revoltas e mobilizacións de mulleres que hai máis de cen anos percorrían o país".

"Somos herdeiras de Rosalía de Castro", sinalaba o manifesto, "unha galega adiantada a súa época que deu palabra a denuncias todavía hoxe vixentes, como a cousificación das mulleres, as agresións sexuais e os abusos contra as mulleres".

No transfondo da xornada reivindicativa a CIG tirou de cifras para explicar que unha de cada catro mulleres galegas vive por baixo do limiar da pobreza, que sofren unha fenda salarial do 21,5% con respecto aos homes (unha media anual de 4.431 euros), que ocupan o 77,3% do total de traballos a xornada parcial ou que o 94,4% de novos contratos subscritos por mulleres son de carácter temporal.

Son só algúns dos motivos da folga de 24 horas convocada para este 8 de marzo, sen esquecer a aspiración de que "esta convocatoria sirva para que tamén os propios homes se cuestionen os comportamentos que dan orixe ás discriminacións, ao acoso e á violencia".