Os colexios pontevedreses Manuel Vidal Portela e Froebel e o CPI Domingo Fontán, de Portas, obtiveron o selo europeo 'eTwinning school'.
Trátase dun programa financiado pola Unión Europea e integrado en Erasmus+, cuxa principal finalidade é fomentar a creación e desenvolvemento de proxectos educativos de colaboración virtual en Europa.
A través deste selo, recoñécese o traballo de innovación nos centros educativos tendo en conta aspectos como a participación cidadá, a conciencia cultural, as competencias dixitais e a cultura da cooperación máis aló do propio centro e da súa contorna.
Por exemplo, baixo o título 'Arte saudable con Arcimboldo', o Vidal Portela participou o pasado curso na modalidade de Patrimonio cultural europeo.
En Galicia hai actualmente máis de 3.500 docentes rexistrados en eTwinning, que están a desenvolver proxectos de colaboración con docentes europeos no entorno virtual seguro que proporciona a acción eTwinning.
Ademais, a embaixada eTwinning en Galicia, formada actualmente por catro docentes -unha das cales está no Vidal Portela-, fai unha intensa difusión dos beneficios do programa e presta asesoramento voluntario a outros docentes e centros que se queren iniciar no mesmo, tanto en asuntos de carácter técnico como pedagóxico.
PONTE AO DÍA
Por outra banda, o alumnado do Centro Público Integrado Domingo Fontán tamén inaugurou "Ponte ao Día", un xogo dixital que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolveu en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
Trátase dun trivial de preguntas e respostas que ofrece a posibilidade de saber máis sobre cuestións relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento galega e cos países nos que traballa.
Tralas súas partidas, o xogo quedou aberto ao público de tal xeito que calquera persoa pode entrar xa nel e xogar.