Viaxar entre Pontevedra e Vigo pola AP-9 custará 4 euros desde o 1 de xaneiro

Pontevedra
27 de decembro 2019

Circular pola AP-9, a principal vía de comunicación de Galicia, será moito máis caro a partir do 1 de xaneiro. O Consello de Ministros autorizou este venres a subida do 2,64% da peaxe que, cada vehículo que circule por ela, debe pagar a Audasa

Cabinas de peaxe da autopista AP-9
Cabinas de peaxe da autopista AP-9

Circular pola AP-9, a principal vía de comunicación de Galicia, será moito máis caro a partir do 1 de xaneiro. O Consello de Ministros autorizou este venres a subida do 2,64% da peaxe que, cada vehículo que circule por ela, debe pagar a Audasa.

Esta subida, que por terceiro ano é a maior que se rexistra en todo o Estado español, situará en 16,85 euros o custo de viaxar pola AP-9 entre A Coruña e Vigo, 45 céntimos máis que na actualidade.

Este incremento, ademais de incluír a subida do IPC, recolle os aumentos autorizados por Fomento como compensación das obras que executou Audasa, entre outras actuacións, para ampliar a ponte de Rande e construír un terceiro carril na circunvalación de Santiago.

Con respecto aos traxectos con orixe ou destino en Pontevedra, os prezos quedan da seguinte maneira: a peaxe entre Pontevedra e Vigo pasa de 3,90 a 4 euros, mentres que o traxecto ata Santiago, que custaba 5,75, será agora de 5,95 euros.

Se circulamos entre Pontevedra e Vilaboa pagaremos 1,15 euros, cinco céntimos máis, e se o noso destino está no Morrazo, serán 2,85 euros fronte aos 2,80 actuais.

Cara o norte, pola súa banda, chegar ata Curro custaranos 1,40 euros, tamén cinco céntimos máis; ata Caldas pagaremos 2,25 euros, ata Carracedo 2,70 euros e ata Padrón 3,90 euros, dez céntimos máis que en 2019.

Ademais, quince céntimos subirá a viaxe entre Santiago e A Coruña, ata os 6,90 euros; mentres que entre Ferrol e A Coruña aumentará de 4,75 a 4,85 euros e entre Vigo e Tui, cuxo prezo era de 2,70 euros, pasará a supoñer un desembolso de 2,80 euros.