A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Poio, da vía de servizo da PO-535, en fronte do cemiterio municipal de San Xoán.
Así se recolle no Diario Oficial de Galicia publicado este martes.
Deste xeito, a Axencia Galega de Infraestruturas atende a solicitude tramitada polo Concello.
Este era un trámite necesario e imprescindible para avanzar no Plan especial de infraestruturas e dotacións.
Con esta autorización no cambio de titularidade, o Concello de Poio xa pode aprobar ese plan especial que lle permita seguir avanzando na ampliación do cemiterio municipal.
Con respecto ao cambio de titularidade, correspóndelle a partir de agora ao Concello de Poio todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía de servizo.
Tamén será competencia municipal o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova administración titular.