Vía libre para o novo edificio xudicial da Parda tras completarse as expropiacións

Pontevedra
17 de outubro 2012

O goberno municipal abonou aos seus propietarios os pagamentos correspondentes polas doce parcelas que forman esta unidade de actuación, situada á beira da actual sede xudicial. O vindeiro venres procederá á ocupación dos terreos

Vista aérea dos Xulgados da Parda e a parcela (á esquerda) para o novo edificio
Vista aérea dos Xulgados da Parda e a parcela (á esquerda) para o novo edificio / Diego Torrado

1,3 millóns de euros. ÿ o que lle custaron ao Concello de Pontevedra as expropiaciones dos terreos nos que se construirá o segundo edificio para os xulgados na Parda. O goberno municipal procedeu xa a abonar aos seus propietarios os pagamentos correspondentes polas doce parcelas que forman esta unidade de actuación, situada á beira da actual sede xudicial. O vindeiro venres procederá á ocupación dos terreos.

Con este trámite, o Concello de Pontevedra, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, cumpre coa súa parte do compromiso alcanzado coa Xunta de Galicia, organismo que executará o proxecto e ao que o goberno local cederá os terreos nos próximos días.

"A nosa labor é inmaculada", dixo, tras indicar que os propietarios recibiron todo o diñeiro pactado, a diferenza do que marca a lei, que só obriga a depositar o 10% do seu valor. "Nós facemos o noso traballo que é responder a unha demanda de toda a xudicatura", contestou o edil nacionalista respecto de se un cambio de goberno en Galicia podería paralizar esta infraestrutura. "Os terreos van estar a disposición da Xunta e esa é a cuestión".

O terreo no que se construirá este edificio, no que se investirán 15 millóns de euros, conta cunha superficie de 6.651 metros cadrados. Está dividido en quince parcelas, das cales dúas xa pertencían ao Concello e outra é propiedade de Fomento polas expropiaciones realizadas para a construción da ponte do AVE. Esta última será transferida ao goberno municipal en virtude do convenio asinado entre ambas partes.

As doce restantes, en mans de particulares, son as que foron expropiadas neste procedemento. Raimundo González asegurou que todos os propietarios asinaron a acta de recepción da expropiación, aínda que en dous dos casos, o diñeiro non foi transferido a eles, senón a unha caixa de depósito. Nun porque non estaba suficientemente acreditada a propiedade do terreo e no outro porque a disputa polo prezo chegou aos tribunais.