Comeza a licitación das instalacións das salas de cine de Vialia. Anunciouno este xoves 13 de xuño o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) unha vez que a actual concesionaria dos cines, Ábaco Cinebox, lle fixo entrega das chaves.
Adif e Ábaco Cinebox fixaran nun acordo extraxudicial nos xulgados da Parda que a empresa non sería desafiuzada, pero entregaría as chaves dos cines antes do 14 de xuño. Finalmente, fíxoo dentro de prazo, mesmo un día antes do establecido, e o chaveiro xa está en mans da empresa pública.
A licitación cuxo proceso empezou este mesmo xoves farase sobre a base das condicións que Adif publicou na súa páxina web nos últimos días. Segundo estas, o importe mínimo para facer co local dos cines é de 1.440.000 euros sen IVE, cunha renda mínima anual garantida de 72.000 euros tamén sen IVE, que se incrementará a partir do segundo ano co IPC. ÿ dicir, 6.000 euros ao mes de aluguer.
A estas cifras habería que sumar ao redor de 2,5 millóns de euros que a empresa interesada tería que investir despois de que Ábaco Cinebox baleirase as instalacións que ocupaba.
Os traballadores da empresa cinematográfica encóntranse esta semana asumindo as vacacións que lles debía a empresa pero está previsto que manteñan unha nova entrevista co director xerente de Ábaco, Juan Ignacio Moreno, antes de que o día 15 comecen o ERE temporal. A través dese ERE que ten unha duración de seis meses esperan que algunha empresa que poida chegar a facerse cargo das salas de cine os subrogue. Non obstante, ADIF non inclúe ningún apartado que se refira á continuidade dos traballadores no prego de condicións que estableza algunha condición para os 15 empregados de Ábaco en Pontevedra.