Apenas vinte minutos durou a sesión extraordinaria da corporación municipal celebrada no Teatro Principal. Na súa orde do día, un único asunto de transcendencia. Aprobar unha modificación do Peprica, o plan de protección do centro histórico.
Era un trámite obrigado para que a Deputación de Pontevedra poida, por fin, iniciar a ansiada reforma integral dos edificios centrais do Museo, o Castro Monteagudo e o García Flórez, na Praza da Leña, pechados desde hai anos debido ás súas deficiencias estruturais.
A sesión, que comezou cun minuto de silencio en memoria da muller asasinada en Estribela, avalou a modificación desta normativa cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e o edil non adscrito, Goyo Revenga. Os edís do PP votaron en contra.
Na súa intervención, César Mosquera explicou que esta modificación do Peprica "desatranca" o proxecto para recuperar os edificios orixinarios do Museo e avanzar nunha actuación de máis de 8 millóns de euros, dos cuales tres serán fondos europeos.
"É un bo día para o futuro do Museo", sinalou o edil do BNG, que pediu, sen éxito, o voto unánime da corporación porque "non se entendería" que ante un investimento dese calibre non fose así. "Non é hábito desta corporación facelo", sostivo.
O voceiro do PP, Rafa Domínguez, xustificou o voto en contra do seu partido ante as "continuas" modificacións que o goberno municipal impulsa do PXOM ou do Peprica, plans que están "enquistados" e que provocan "colisións" con outras administracións.
"Non moveron nin un só artigo", sostivo Domínguez, que censurou que "traian modificacións cando lles interesa" mentres que os veciños de Pontevedra "seguen sufrindo os efectos de ter un PXOM e un Peprica desfasados".
Tras asegurar o líder do PP que o cambio "xa o faremos nós", Mosquera lamentou que os populares "sempre votan en contra de algo que é positivo para Pontevedra" e chanceou con que "non vai a facer nada do que di porque non imos a ter a ocasión de comprobalo".
DESPEDIDA DE CATRO EDÍS
Nesta sesión despedíronse os catro edís que, independentemente dos resultados electorais, non continuarán na corporación ao non concorrer a estas eleccións.
Así, despedíronse dos seus compañeiros Ana Isabel Vázquez (PP), Tino Fernández (PSdeG-PSOE), Pilar Comesaña (BNG) e o edil non adscrito Goyo Revenga.