Un pontevedrés viuse implicado en tres accidentes de circulación en menos de 24 horas entre a noite do 17 de outubro e a tarde do 18. En ningún houbo feridos, pero si danos materiais. Ademais, no último deu positivo na proba de detección de drogas por consumo de cocaína.
O primeiro dos accidentes produciuse, segundo tivo constancia a Policía Local, ás 22.12 horas da noite do 17 de outubro na rúa Augusto García Sánchez. Dúas horas depués, ás 0.57 horas da madrugada do día 18, golpeou un muro cando sacaba o seu coche do garaxe.
Xa pola tarde dese mesmo día, ás 20.45 horas, tívose constancia do principal dos sinistros nos que se viu implicado. Produciuse na intersección entre as rúas Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra durante unha carabana de vehículos.
Estaba nunha carabana e deulle dúas veces ao coche de diante e unha ao de detrás
Segundo informou a Policía Local, a central policial tivo coñecemento de que se acababa de producir un sinistro e que había posibilidades de que un dos condutores accidentados tivese síntomas de embriaguez.
Un vehículo de atestados desprazouse ao lugar e descubriu que había retención de vehiculos. Un turismo marca Rover de cor verde que se encontraba nun atoamento colisionou por alcance en dúas ocasións cun coche Seat León situado diante e unha con outro vehículo situado detrás, pero que non quixo denunciar o sucedido.
Os axentes déronlle o alto ao condutor do Rover e encontrárono semidobrado sobre o volante. Non atendeu aos requirimentos policiais, de modo que foi informado de que lle realizarían unha proba de alcoholemia. Someteuse ao test sen oposición e deu resultado negativo de 0,0.
A continuación, os axentes sometérono ao drogotest. Deu positivo en consumo de cocaína, de forma que foi denunciado por un delito conta a seguridade vial polo que será sometido a xuízo. Ademais, todo isto co carné de conducir caducado.