Vermú desenfadado e participativo para reivindicar a cultura drag

Pontevedra
24 de agosto 2019

As drag queens Nosolojavi e Punto G e o drag king Niko Elsker puxeron este sábado o toque desenfadado e reivindicativo á praza da Verdura de Pontevedra amenizando os Vermús pola Diversidade organizados no marco do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota

Performance drag na praza da Verdura a cargo de Marikas x la fiesta / Concello de Pontevedra

As drag queens Nosolojavi e Punto G e o drag king Niko Elsker puxeron este sábado o toque desenfadado e reivindicativo á praza da Verdura de Pontevedra amenizando os Vermús pola Diversidade organizados no marco do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota.

Foron os encargados da Performance Drag organizada pola colectivo pontevedrés Marikas x la fiesta por encargo da Concellería de Igualdade. A concelleira responsable, a socialistas Paloma Castro, acudiu á cita, asi como o tenente de alcalde, Tino Fernández.

O espectáculo, reivindicativo da cultura drag, contou tamén coa música de DJ Nano e mesturou humor e reivindicación para todos os pontevedreses e visitantes que se quixeron apuntar a tomar un vermú a última hora da mañá. Os bares da propia Praza da Verdura, ademais, ofreceron descontos especiais nos vermús.

Os Vermús pola Diversidade de Pinto e Maragota iniciáronse o pasado mes de xullo como unha proposta cultural de lecer nos espazos públicos da cidade, principalmente ao ar libre, e que combina música, danza, performance, poesía e debates para visibilizar e dignificar a diversidade sexual e usar o lecer para concienciar e sensibilizar á cidadanía en torno á realidade LGTBI.

O programa de actividades desenvólvese os penúltimos sábados de cada mes, estando prevista para o 21 de setembro unha acción de Poética Diversa a cargo do poeta e narrador Daniel Asorey e a cantante Sanny no Campiño de Santa María e un faladoiro titulado TRANSformando Pontevedra en colaboración co colectivo Avante LGTB para o 19 de outubro.