Vente, hai Feira Franca na ilustre vila de Pontevedra

Pontevedra
06 de setembro 2013

Na vila de Pontevedra, a 6 días do mes de setembro do ano de MMXIII, estando o Concello, xuiz, alcalde, xurados, procuradores e homes bos da vila reunidos en concello por son de campá tanxida, segundo o han de uso e costume, acordaron que no termo da vila amurallada de Pontevedra se celebre Feira Franca, en cumprimento do privilexio concedido polo rei don Henrique IV no ano de MCCCCLXVII

CONSULTAR PROGRAMA

O programa arrancou ás 19 horas cos pregoeiros a cabalo anunciado por todo o centro histórico o comezo da festa. Na praza do Teucro houbo bailes medievais a cargo da Asociación Dúos Pontes e en Santa María La Mayor actuación de Antiqua e Ultreia.

Na xornada do sábado, a Feira Franca abrirá ás 11.30 horas coa recreación do mercado medieval na avenida de Santa María e a mostra de oficios na Ferrería. Ás 12 horas terá lugar a representación do transporte do viño dende Santa Clara. A comitiva de mercadores, labregos e arrieiros discorrerá cos carros polas rúas Sarmiento, Pasantería e paseo de Odriozola para rematar na Peregrina.

Ao longo do día haberá exhibicións de cetraría e tiro con arco na avenida de Montero Ríos, esgrima na Ferrería e os dous tradicionais torneos na praza de touros con entrada gratuíta ata completar o aforo.

A Feira Franca recorda o privilexio concedido a Pontevedra por rei Enrique IV no ano 1467, polo que se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e quince días despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomé.

Os historiadores sinalan que aquelas concesión coincidiu co inicio dun período de puxanza económica da cidade que se prolongou ata as décadas finais do século XVI.

Arquivado en