O CEIP de Marcón decidiu celebrar este venres 25 de febreiro unha actividade para recuperar o Entroido tradicional da parroquia. A proposta conta coa colabración de familias, alumnado, profesorado, ANPA e veciñanza.
Desta forma, o alumnado leva semanas traballando con datos desta festa recompilados pola Sociedade Antropolóxica Galega, elaborando o disfrace de labregos con gorro cónico e pano portugués cruzado; e creando os seus Entroidos de palla, ademais de practicar a música e o baile que os acompañan. Durante a mañá do venres, a partir das 10.00 horas, realizarase un percorrido pola contorna do centro educativo acompañados polo boneco de palla e co traxe típico para retomar a festa popular.
Durante tres horas e media o alumnado de sexto de primaria desfilará polo lugar de Pintos, zona concreta do Entroido tradicional da parroquia. Percorrerán os camiños veciñais para volver, ao finalizar, ao Campo da Festa.
Outro roteiro realizarase con alumnado de cursos inferiores para percorrer os arredores do centro educativo por Pazos, A Valadiña, Pumariño e Valadares para finalizar tamén no Campo da Festa. A partir das 12.30, os participantes acompañados sempre por profesores regresarán ao centro educativo realizando o roteiro á inversa.
A veciñanza poderá entregar á comitiva en sinal de agradecemento alimentos non perecedoiros, tal e como se facía na festa histórica. Eses alimentos serán doados ao Comedor de San Francisco.
Os itinerarios contarán coa presenza de tres dotacións de Protección Civil e realizaranse grupos burbulla entre o alumnado.