Venezuela, a pequena Amelia e Raquel Martínez, a concelleira de estrea

Pontevedra
23 de setembro 2024

Un grupo de cidadáns de orixe venezolana residentes en Pontevedra acudiron á sesión portando varias insignias dese país con motivo dunha moción presentada polo PP de apoio a Edmundo González como presidente lexítimo fronte a Nicolás Maduro. Recibiu o voto en contra do BNG e a abstención do PSOE 

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

A concelleira do PP Raquel Martínez, que se estreou, e o concelleiro do BNG Alberto Oubiña, que se ausentou da sesión. Foron os dous protagonistas do Pleno da Corporación de Pontevedra que se celebrou este luns no Teatro Principal. 

Alberto Oubiña ausentouse da sesión por atoparse de baixa de paternidade e tanto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como os líderes do PP e o PSOE déronlle os parabéns e tamén a benvida á súa filla, a pequena Amelia. 

Lores mesmo protagonizou a anécdota da xornada ao desexarlle "que non quede a cousa aí porque hai que seguir aumentando a poboación".

No caso de Raquel Martínez Lorenzo, tomou posesión do seu cargo como concelleira do PP. Entrou na Corporación asumindo a acta de Gerardo Pérez Puga, falecido recentemente. 

Tamén protagonista foi a bandeira de Venezuela. Un grupo de cidadáns de orixe venezolana residentes en Pontevedra acudiu á sesión portando varias insignias dese país con motivo dunha moción presentada polo PP de apoio a Edmundo González como presidente lexítimo fronte a Nicolás Maduro

A moción, que recibiu o voto en contra do BNG e a abstención do PSOE, foi a orixe dun debate intenso entre os tres partidos presentes na Corporación, incapaces de chegar a entendemento. 

O líder do PSOE, Iván Puentes, tendeulle a man ao PP para votar a favor se engadía unha emenda esixindo a publicación das actas de votación, pero o PP rexeitou ese cambio asegurando que os socialistas, en realidade, pretendían engadir máis cuestións.

O BNG, a través da concelleira Eva Vilaverde, rexeitou a moción argumentando que "non lle corresponde ao Pleno de Pontevedra decidir quen ten que gañar as eleccións de Venezuela, nin no sentido que diga Maduro nin no sentido que quere o PP".

O líder do PP, Rafa Domínguez, considera que "como pontevedreses, non podemos esquecernos de tanta e tanta xente que vive na nosa cidade que están a ver como no seu país os dereitos humanos viólanse constantemente" e recriminou ao PSOE e o BNG a súa postura sobre esta materia

Entre outras cuestións, botoulles en cara que "non se pode esixir memoria histórica en España á vez que se permite o drama en Venezuela" e tamén asegurou que no Pleno había persoas que apoiaban a ditadura e cuestionou que Lores e a líder do BNG, Ana Pontón, apoian a Maduro. 

Iván Puentes pediu a Domínguez "que sexa valente e diga quen defende a ditadura, non dispare ao aire" e recoñeceu que en Venezuela existe vulneración de dereitos humanos e "non se puiden falar de que opere a democracia", de modo que demandou ao líder do PP que "non teñen que debuxar a un PSOE defensor da ditadura"

Aos poucos o debate foi subindo o ton, Eva Vilaverde tamén meteu en escena reproches ao silencio do PP ante a falta de democracia en Afganistán, Arabia Saudita ou Palestina e Rafa Domínguez cualificou a intervención da nacionalista como "triste" e "repugnante".

Rafa Domínguez sacou á palestra o papel do ex presidente do Goberno socialista José Luis Rodríguez Zapatero e á vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, e as supostas maletas con documentación sensible que ela meteu en España por Barajas, alusión á que o PSOE respondeu lembrando que era un caso arquivado polo Tribunal Supremo. 

Tamén Domínguez criticou o papel do Goberno de Pedro Sánchez "para evitar que a democracia chegue a Venezuela" e a resposta de Iván Puentes foi lembrarlle que Edmundo González está en Madrid e reprochar os "bulos" e que tente "seguir fabricando a mentira dun PSOE e un Sánchez maléfico que colabora con Maduro"

O debate resolveuno Lores ao pedir a palabra e reprochar a "ración de demagoxia vomitiva" que acababa de escoitar na sesión. "Nunca pensei escoitala por un portavoz do PP", terminou.