Unha bandeira de Venezuela cubriu este sábado a fonte da praza da Peregrina. A poucos metros, varios cidadáns usaban as telas para cubrir o seu corpo e ondeaban máis insignias deste país e de Galicia, simbolizando a unión entre os dous pobos, con moita emigración cruzada durante as últimas décadas.
Foi o acto principal celebrado na comarca este sábado para amosar a solidariedade pontevedresa con Venezuela despois das últimas eleccións xerais no país a pasada fin de semana, nas que as persoas que saíron á rúa aseguran que houbo "fraude electoral", pois sosteñen que o "nuevo presidente electo de Venezuela" é Edmundo González Urrutia, co 78% dos votos, e non Nicolás Maduro.
Decenas de persoas de orixe venezolana asentadas en Pontevedra recibiron o apoio doutros pontevedreses e tamén dunha nutrida representación do PP do municipio e da comarca, entre eles, o alcalde e líder dos 'populares' de Poio, Ángel Moldes, a senadora Pilar Rojo ou as concelleiras do PP pontevedrés Pepa Pardo e Silvia Junco, entre outros.
Tomou a palabra en nome de todos os presentes César Alarcón, que insistiu en que "no importa dónde estemos, nuestro compromiso es con Venezuela".
Alarcón, no seu manifesto, lembrou ás "más de mil personas detenidas arbitrariamente y once desaparecidos forzados" que hai estes días no seu país e tamén a "persecución sintemática en contra de los líderes de la oposición" tan só porque "el régimen de Nicolás Maduro quiere perpetrar su poder con un fraude electoral".
En Pontevedra actualmente hai case 300 familias procedentes de Venezuela, un poco máis de 600 venezolanos e Alarcón insistiu en que "9 de cada 10 trabajamos como autónomos o empleados, vinimos a trabajar, a producir, porque a eso es a lo que en Venezuela nos enseñaron".
"No podemos permitirnos que un partido de aquí, de Galicia, usen nuestra bandera y nuestro nombre para felicitar y reconocer a quienes hoy hacen fraude en Venezuela"
No seu manifesto pediron unión. "Es hora de unirnos y hacer que nuestra voz se escuche por la libertad de nuestra Venezuela". E pediron a fin da violencia: "nuestras armas no son otras sino las actas".
Antes de acudir a esta concentración, Ángel Moldes reuniuse na Praza do Mosteiro con representantes da comunidade venezolana no municipio para trasladarlles "a solidariedade e o respaldo do Partido Popular e da inmensa maioría dos veciños de Poio".
Moldes uniuse á petición de "democracia e liberdade para Venezuela" e recordou que na actualidade hai, oficialmente, 206 veciños de Poio de orixe venezolana, subliñando que son a comunidade de orixe estranxeira máis numerosa no municipio e "unha parte fundamental do noso pobo".
No encontro participaron membros da Asociación de Venezolanos en Pontevedra (ASOVEDRA), encabezados polo seu presidente, Manuel Osorio, e os representantes do PP insistiron: "ante todo iso os demócratas non podemos quedar calados" e esixiron "a fin da represión, o respecto dos dereitos humanos e unha transición pacífica que reinstaure a democracia, a xustiza, as liberdades e o Estado de dereito en Venezuela".