Ven "moi cínico" que Yolanda Díaz fale en Vilagarcía sobre condicións de traballo e siga sen preocuparse do Villa de Pitanxo

Marín
19 de setembro 2022

As familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo puxéronse en contacto este luns co Ministerio de Traballo para reiterarlles que queren reunirse coa ministra, Yolanda Diaz. Levan meses pedindo esta reunión, pero agora reiteran a petición aproveitando que a política estará en Vilagarcía

Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

As familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo puxéronse en contacto este luns co Ministerio de Traballo para reiterarlles que queren reunirse coa ministra, Yolanda Diaz. Levan meses pedindo esta reunión, pero agora reiteran a petición aproveitando que a política estará en Vilagarcía de Arousa para clausurar un foro de debate que analiza as condicións de traballo de mariscadoras, redeiras e percebeiras.

A portavoz das familias, María José de Pazo, criticou que lle parece "moi cínico" que participe neste foro para falar de condicións de traballo "cando non mostra ningún interese polas condicións de traballo dos 21 falecidos" neste naufraxio.

Tras ter coñecemento da súa participación nestas xornadas os días 29 e 30 de setembro, decidiron ponenrse en contacto co gabinete de Yolanda Diaz para lembrarlle esa reunión para a que aínda non tiveron resposta sete meses despois do naufraxio.

Ademais, lémbranlle á ministra a súa orixe galega e que existe un auto da Audiencia Nacional que fala de que no naufraxio podería haber 21 delitos graves contra a saúde e a seguridade dos traballadores.

Na súa opinión, hai "inacción" e "falta de consideración e mesmo de deixamento das súas funcións"  por parte da ministra, por "non reunirse aínda" coas familias a pesar de que lle pediron "en reiteradas ocasións" ese encontro. 

Ademais de pedir esa reunión, pídenlle explicacións de "por que as condicións dos 21 falecidos e de toda a xente dos barcos de altura non é importante para ela"

DELEGADO DO GOBERNO

Este luns tamén se referiu ao naufraxio, a preguntas da prensa, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Falou días despois de que se coñecese que os técnicos da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) súmanse ás voces partidarias de baixar ao pecio do buque afundido en Terranova (Canadá) para poder indagar mellor sobre o ocorrido. 

Nunha comunicación emitida o pasado 5 de setembro, esta comisión dependente do Ministerio de Transportes conclúe que a inspección do pecio "podería contribuír a contrastar algunhas das informacións recibidas e obter outros datos ou detalles de interese para a investigación".

Miñones lembra que "estamos coas familias" e que esperarán ás conclusións da CIAIM para, en función do que digan no informe, "como Goberno, actuaremos". O Goberno, ata o de agora, rexeitou sempre a opción de baixar ao pecio que si piden as familias, pero agora fala de que "cos expertos, actuaremos".