Veciños piden dialogar con Lores e Demetrio Gómez para coñecer os novos plans do Concello para Monte Porreiro

Pontevedra
30 de setembro 2021

O Mirador quere que o Concello "nos aclare definitivamente que é o que vai a pasar", tanto co proxecto como co investimento previsto para o barrio. Mentres agardan esa reunión, seguirán en pé co calendario de mobilizacións e o vindeiro sábado 2 de outubro ás seis da tarde manifestaranse na rúa Alemaña

Carlos Diéguez, presidente de O Mirador, ás portas do Concello
Carlos Diéguez, presidente de O Mirador, ás portas do Concello / Mónica Patxot

A asociación veciñal O Mirador de Monte Porreiro quere falar co Goberno local e coñecer polo miúdo os seus plans para o barrio unha vez que o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, anunciou esta semana que se paralizaba o proxecto de humanización. O anuncio déixaos con moitas dúbidas e queren resolvelas a través dunha reunión co propio edil e co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. 

O presidente da asociación, Carlos Diéguez presentou este xoves por rexistro unha petición formal de entrevista con Lores e Demetrio e explicou que lles "gustaría" que os recibiran "os dous xuntos".

Segundo explicou, non lles "quedou claro" se o Concello vai paralizar só o proxecto de peonalización ou todo o proxecto de reforma de Monte Porreiro e agora queren reunirse con eles para que lles "aclaren definitivamente que é o que vai a pasar", tanto co proxecto como co investimento previsto para o barrio "porque esperemos que os sigan investindo".

Ademais, lembran que Demetrio Gómez se comprometera a ir ao barrio a explicar o proxecto "e non o fixo", de maneira que consideran que este é o momento para que se explique. Piden, en esencia, "diálogo porque é o que nos falta".

Mentres agardan por esa reunión, seguirán en pé co calendario de mobilizacións previsto e o vindeiro sábado 2 de outubro ás seis da tarde teñen prevista unha manifestación na rúa Alemaña. O sábado seguinte a protesta será no centro de Pontevedra, diante da Casa Consistorial.

O talante será diferente ao da manifestación convocada o pasado venres, que precipitou o cambio de plans municipal. Nesta liña, asegurou que "ao mellor cambiando un pouco as tornas, agora non nos imos opoñer ao proxecto, imos pedir diálogo".

RESPOSTA MUNICIPAL

Demetrio Gómez asegurou, a preguntas dos medios de comunicación, que "por suposto" atenderán a solicitude de entrevista. De momento, non saben cando será, "haberá que comprobar axenda", pero si garanten que se reunirán, pois "atendemos todas as solicitudes de entrevista que nos chegan". 

O que non puido garantir o concelleiro é que estea presente o alcalde, pois "non sempre pode estar". Lembra, ademais, que o alcalde non xestiona directamente todos os proxectos, senón que nalgúns delega nos concelleiros, que  "somos los que llevamos el día a día y somos los que nos tenemos que ocupar de que lleguen a buen puerto".