Veciños de Xeve quéixanse da presenza de vacas soltas que comen os cultivos das súas leiras

Pontevedra
08 de agosto 2018

Durante este martes lograron identificar trece vacas, que contan con propietario, comendo nos seus terreos. Indican que levan anos sufrindo esta situación e, malia as denuncias, non logran evitar os danos nas súas hortas

Vacas soltas no monte comen cultivos en Santa María de Xeve
Vacas soltas no monte comen cultivos en Santa María de Xeve

Din que levan anos sufrindo danos nos seus campos de cultivo sen que ninguén os defenda e a situación repítese con frecuencia. Son veciños de  Xeve, sobre todo da parroquia de Santa María, que ven afectados pola presenza de vacas soltas nas súas propiedades.

Clemente Tilve, un dos afectados, indica que as vacas son soltadas no monte polos propietarios deste gando e as reses baixan ata as zonas nas que os veciños sementaron millo ou outros cultivos e "fan un arrase".

Este martes lograban localizar trece destes animais, que se atopaban pastando nas súas leiras. Decidiron sacarlles fotos co pendente no que consta a quen pertencen para mostrar os danos que sofren. Con todo, os veciños denuncian a falta de resposta por parte das administracións. Sinalan que os axentes do Seprona descúlpanse afirmando que non poden subir ata Xeve para levantar un expediente, a Consellería do Medio Rural tampouco lles atende e algún axente da Policía Local incluso chegou a dicirlles que "o pastoreo libre é legal", afirma Tilve, que admite esa legalidade pero non dentro de propiedades particulares.

A veciñanza amósase desesperada porque este gando acaba con todo o traballo realizado durante os meses previos. Clemente Tilve afirma que os donos contan cun seguro para pagar os danos pero a xente non quere o diñeiro, "quere comer o que traballa" e pregúntase como se vai a potenciar a actividade agraria no rural se non se toman medidas ante estas invasións. "Os veciños desanímanse e xa non queren traballar a terra", afirman os afectados que reclaman das administracións competentes algunha solución canto antes.