Veciños de Tourón reclaman ampliar a Casa do Pobo e máis atención para a área arqueolóxica

Ponte Caldelas
29 de outubro 2015

Continúa a xeira de encontros entre o goberno municipal de Ponte Caldelas e os veciños das diferentes parroquias de cara á confección do orzamento para 2016. Os últimos en expresar as súas necesidades foron os de Tourón, cos que o alcalde e membros do seu gabinete entrevistáronse este mércores

Xuntanza do goberno municipal con veciños de Tourón
Xuntanza do goberno municipal con veciños de Tourón / Concello de Ponte Caldelas

Continúa a xeira de encontros entre o goberno municipal de Ponte Caldelas e os veciños das diferentes parroquias de cara á confección do orzamento para 2016. Os últimos en expresar as súas necesidades foron os de Tourón, cos que o alcalde e membros do seu gabinete entrevistáronse este mércores.

Os veciños de Tourón centraron as súas principais peticións na ampliación da Casa do Pobo, moi cativa e que resulta inoperante no caso de ter que albergar algunha actividade cultural con certa entidade. Segundo o proxecto achegado ao alcalde, o investimento preciso para realizar esta obra sería duns 24.000 euros e contemplaría a derruba de parte do actual palco das festas anexo á edificación.

Andrés Díaz manifestou o desexo do seu equipo de goberno de estudar en profundidade esta proposta, que estaría moi condicionada polos permisos que puidera outorgar Patrimonio debido a que o proxecto presentado ten que ser autorizado por este organismo pola localización do inmoble.

Outra petición trasladada polos presentes ao equipo de goberno foi a necesidade de realizar unha limpeza en profundidade da área arqueolóxica de Tourón que presenta zonas cunha vexetación moi crecida e que afecta moi negativamente a este conxunto rupestre.

O alcalde sinalou que era unha prioridade para o seu goberno e que, de feito, o novo plan de emprego da Deputación terá para a brigada de conservación e limpeza como un dos obxectivos prioritarios a actuación en profundidade nesta zona así como las distinta rutas de sendeirismo e, se dá tempo, tamén o parque empresarial da Reigosa.

Por último, os veciños amosaron a súa preocupación pola intransixencia da Igrexa cun muro da reitoral que achica un camiño que conecta unha serie de vivendas e fincas urbanizables; e solicitaron o asfaltado ou formigonado dun camiño que da acceso a unhas corenta vivendas e que se atopa nunha situación lamentable.

ENCONTRO COS VECIÑOS DE PARADA

Ao rematar a xuntanza cos veciños de Tourón, o alcalde e os membros do equipo de goberno dirixíronse a Casa do Pobo de Parada onde mantiveron unha reunión cos veciños do lugar, que manifestaron a necesidade de acometer unha limpeza e recuperación en profundidade dunha antiga canle e unha poza que forma parte do patrimonio etnográfico do lugar.

Os veciños tamén pediron medidas para obrigar a propietarios de fincas a que as limpen para evitar un perigo de incendio no caso que se prenda lume debido á súa proximidade a vivendas. Tamén solicitaron varios puntos de luz que contribúan a iluminar mellor varios tramos e viarios interiores que comunican as vivendas de Parada.

Arquivado en