Veciños de Sanxenxo terán pantallas protectoras gratuítas a iniciativa dun empresario local

Sanxenxo
15 de maio 2020

O xerente do Centro de Audioloxía Avanzada Mople, Cristóbal Mora, está a fabricar na súa casa pantallas protectoras que inicialmente ía repartir entre a súa clientela pero que, ante a situación de escaseza de moitas familias, decidiu ampliar a toda aquela persoa de colectivos de risco ou situación económica de vulnerabilidade que o precise

Cristóbal Mora amosa unha das pantallas protectoras que doará aos veciños de Sanxenxo
Cristóbal Mora amosa unha das pantallas protectoras que doará aos veciños de Sanxenxo / PontevedraViva

Con menos dun ano de existencia, o Centro de Audioloxía Avanzada Mople enfróntase a unha situación complicada en canto a vendas, motivada non só pola situación de confinamento da poboación de Sanxenxo, o municipio no que ten a súa sede, se non pola falta de visitantes madrileños, que constitúen gran parte da clientela.

A primeira semana de maio o centro retomaba o horario habitual de tenda para atender a clientes con cita previa ou ben gardando a espera necesaria para que só houbese unha persoa dentro do local por traballador. Nesta volta relativa á actividade, o xerente Cristóbal Mora relátanos que foron telefonando un a un a aqueles clientes aos que lle tocaba revisión do audífono e aí déronse conta de que existía moito temor entre os maiores para achegarse ao establecemento e, en xeral, a saír á rúa, porque carecían de máscaras ou outros elementos de protección.

"Pensamos entón como achegar o noso graniño de area nesta situación, non só polos nosos clientes, senon en xeral, porque nos chamaba a atención o custo elevado que teñen estes elementos de protección en moitos sitios e pensamos que iso imposibilita a súa adquisición por parte de moitas persoas", comenta o empresario.

Esta necesidade motivou a Cristóbal Mora a poñerse mans á obra coa súa impresora 3D particular. Desde a súa casa, está a fabricar pantallas protectoras que inicialmente ía repartir entre a súa clientela pero que, ante a situación de escaseza de moitas familias de Sanxenxo, decidiu ampliar a toda aquela persoa de colectivos de risco ou situación económica de vulnerabilidade que o precise.

As pantallas protectoras son gratuítas e para acceder a elas non é necesario achegar ningún tipo de documentación, tan só chamar ao teléfono da tenda Mople (886 162 219) para facer a reserva. Estes días están a recoller as peticións e a partir do luns 18 de maio empezará a retirada no propio establecemento da Rúa do Progreso, 15, de Sanxenxo. Todas as pantallas protectoras están desinfectadas e van empaquetadas de forma independente en bolsas de plástico con peche hermético por calor.

A reserva ao número de teléfono indicado é necesaria para que Cristóbal poida calcular o número de pantallas que necesita fabricar e tamén poder organizar os horarios e data de recollida, co fin de respectar o aforo máximo na tenda imposto pola situación sanitaria actual. A previsión inicial é producir 500 unidades, pero non descarta continuar con esta acción se o estado de alarma se prolonga e a demanda continúa.

En paralelo a esta campaña, o Centro de Audioloxía Avanzada Mople tamén quixo ampliar a súa acción social co préstamo de audífonos sen custo algún mentres dure o estado de alarma a persoas que padezan de problemas de audición. "Realízase despois dun estudo audiolóxico tamén completamente gratuíto para así buscar a mellor opción de adaptación e de audífono coa finalidade de garantir a comunicación entre familiares e veciños", comenta Cristóbal Mora, quen insiste en que esta campaña está pensada especialmente para as persoas maiores que están a pasar soas este confinamento, para que poidan comunicarse cos seus seres queridos ou persoal de asistencia, xa que "con audífonos facilitamos a comunicación de forma telefónica e así conseguiremos que estean máis tranquilos tanto os familiares como eles mesmos".