Un grupo de veciños da parroquia pontevedresa de Mourente denuncia o mal estado das beirarrúas na avenida de Montecelo, que discorre entre a rotonda da avenida Lugo, xunto á sede da Cultural de Mourente, ata a rotonda da Rolda Leste, que leva ao cemiterio de San Mauro, pasando por diante do Hospital Montecelo e o Centro Príncipe Felipe.
"Como podedes comprobar as lousas das beirarrúas están tiradas cara arriba unha barbaridade", manifesta Eulogio Sartier, o presidente da Asociación de Veciños de Moldes-Mourente mentres nos vai mostrando varias decenas de baldosas levantadas, co consecuente perigo.
Explica Sartier que hai catro meses xa trasladaron este asunto ao Concello de Pontevedra a través dun escrito no que pedían o arranxo dos moitos danos que presentan as lousas da principal vía de acceso ao Hospital Montecelo.
Ante a falta de resposta, "hai dous días presentamos un novo escrito e como podedes ver, acaban de colocar valos, esperemos que o arranxen. Onte coméntanme que se lle requiriu á Policía Local que viñese pola caída dun veciño e imaxínome que por iso están os valos".
Para evitar máis caídas e facilitar o tránsito para todas as persoas decidíronse os veciños a presentar este segundo escrito que esperan se traduza no arranxo inmediato da zona. "A última reparación foi hai dous anos. Naquel entón xa se lle advertiu de que había que deixar xuntas de dilatación, eu non son albanel pero algo entendo e se deixas as lousas moi xuntas coa calor rebenta e levántanse, porque non teñen firme por baixo e ao non facelo en condicións agora temos este problema", engade Sartier.
Só nun tramo duns cen metros este venres 23 de xullo puidemos contabilizar 12 valos que delimitan os lugares onde as lousas levantadas entrañan un maior perigo.
"Eu espero que ao poñer os valos o arranxen canto antes e que rocen a avenida e actúen sobre un muro de contención que xa hai dous anos se lle advertiu ao Concello e arranxárono, pero o dono do terreo de abaixo moveu as terras, e como ao facer a estrada non se fixo un muro de formigón para manter a beirarrúa, agora o muro está a irse para un lado e pódese ver unha greta grande que abre a beirarrúa", expón o presidente dos veciños de Moldes-Mourente.
As vías de comunicación nesta zona da parroquia de Mourente son un tema recorrente nas reclamacións dos veciños.
Recentemente, noutro escrito solicitaban unha reunión co propio alcalde, o concelleiro do Rural e o enxeñeiro municipal para que se lles informase en detalle do trazado do vial de acceso ao Gran Montecelo.
Polo que saben, será "unha estrada que non nos deixa entrar ás nosas leiras, alturas de 3 e 2 metros de terraplén que nos van a asolagar as leiras, e ao final é a mesma historia que aquí, que aínda que neste caso a obra non a fixo o Concello tense que ocupar do seu mantemento", reclama Eulogio Sartier en representación dos veciños de Moldes-Mourente.