Veciños de Marín participan nos cursos de emprego inclusivo de Érguete

Pontevedra
29 de xuño 2021

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou hoxe as instalacións de Pontevedra nas que se desenvolve o curso de "Auxiliar de Almacén", enmarcado neste programa de emprego inclusivo

Curso de emprego inclusivo de Érguete
Curso de emprego inclusivo de Érguete / Deputación de Pontevedra

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou este martes as instalacións do Banco de Alimentos de Pontevedra nas que se está a desenvolver o curso de "Auxiliar de Almacén", enmarcado no Programa de Emprego Inclusivo que a Fundación Érguete promove e para o que a Deputación destina este ano 12.500 euros. 

O programa, que tamén contempla o curso de "Auxiliar de Servizos de Limpeza", está a beneficiar a 24 persoas das zonas de Marín e Nigrán. 

O "Programa Emprego Inclusivo" está pensado para mellorar a empregabilidade de 24 persoas en risco ou situación de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento e desenvolvemento de competencias a través de formación e accións de capacitación técnica e prácticas en empresa. 

A metodoloxía do programa está fundamentada no deseño de itinerarios persoais de formación e inserción, no acompañamento personalizado continuado e na intermediación con empresas e administracións para o acceso ao mercado de traballo normalizado. Amais da formación teórica-práctica, o método de aprendizaxe inclúe un enfoque integral, formación en igualdade e tamén en prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.

A Fundación Érguete-Integración constituíuse na cidade de Vigo o 4 de novembro de 1999, coa finalidade de facilitar a incorporación sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social.