Un grupo de veciños de Lourizán acudiu este venres ata o rexistro do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra para facer entrega de varios escritos e tres cruces que pretenden que resuman o seu sentir sobre os recentes acontecementos vividos na parroquia despois de que Costas lles ordenase a retirada das cruces que instalaran a modo de protesta no que eles bautizaron como 'campo da dignidade'.
A protesta formaba parte das accións dos veciños de Lourizán que integran a plataforma contra a ampliación de la depuradora de Os Praceres que proxecta a Xunta e, tras o requerimento de Costas, os veciños retiraron as cruces. Lonxe de quedar calados diante desta petición da Administración, este venres acudiron ás súas oficinas para amosar o seu parecer.
Así, os tres escritos entregados van dirixidos ao xefe provincial de Costas, á subdelegada do Goberno en Pontevedra e á ministra para a Transición Ecolóxica do Goberno estatal e as cruces a todos eles para demostrar que atenderon á petición de retirada, pero queren volver colocalas.
Así, ao Servizo de Costas comunicáronlle de xeito oficial que as cruces foron retiradas, tal como indicaba o requerimento enviado por dito Servizo, e entregáronlle un escrito no que se solicitan autorización para volver instalas.
Á subdelegada do Goberno, Maica Larriba, dirixen un escrito manifestando o desacordo dos veciños co requerimento de Costas e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica fixéronlle chegar dous escritos, un para manifestar o seu desacordo co requerimento e pedir que a partir de agora se use o mesmo raseiro para todos os problemas e irregularidades ao longo da costa da provincia, moitos deles sen saír do Concello de Pontevedra.
No outro escrito, a plataforma veciñal achega ao ministerio as alegacións presentadas ao anteproxecto do novo emisario submarino, porque consideran que nelas aparecen motivos dabondo como para que Costas lle denegue a concesión dos terreos á Xunta de Galicia. Solicítanllo á ministra, Teresa Ribera.